EDUCACIÓN

Marián Araujo, Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia gañan os Premios Vagalume 2006

13/12/2006 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, anunciou o nome dos gañadores dos Premios Vagalume 2006. Nesta XIV edición os galardoados foron Marián Araujo Muíños, a Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA). Este programa recoñece o traballo realizado na cidade cunha clara vocación social e pretende estimular a cooperación, a solidariedade e a igualdade entre os composteláns.

O xurado concedeu o premio individual a Marián Araujo Muíños polo seu traballo de cooperación co roupeiro de San Vicente de Paúl, pola seu labor de mediadora en conflitos nos institutos e polo seu traballo con inmigrantes e Intermón.

O premio colectivo recaeu en dúas asociacións. Por un lado, recoñeceuse o esforzo de Panxea na difusión e venda de produtos dentro do comercio xusto e responsable. Esta organización está en Compostela dende 1992. Por outra parte, o xurado distinguiu á Asociación de Celíacos de Galicia polo seu traballo de apoio e información ás persoas celíacas e ás súas familias. A entidade funciona como tal dende 1998.

Os gañadores dos premios Vagalume 2006 recibirán o seu galardón de mans do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e da concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos. Será o martes 26 de decembro, ás 20:00 horas.

Compartir: