MOBILIDADE

O Concello amosa a súa satisfacción pola licitación conxunta dos proxectos da estación intermodal

04/08/2017 O Concello de Santiago vén de coñecer que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) comunicou a súa intención de licitar de inmediato as dúas fases do proxecto da nova estación intermodal de Compostela.

Esta decisión é unha moi boa noticia, xa que vén a constatar os compromisos verbais que o presidente de Adif lle trasladou tanto ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, como ao concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, na xuntanza mantida en Madrid o pasado 10 de maio. Demostra tamén que a nova equipa directiva do Adif ten maior sensibilidade coas necesidades da nosa cidade.

Precisamente no propio comunicado de Adif se recoñece que esta licitación conxunta se leva a cabo tras as conversas e negociacións mantidas entre as administracións.

Permanente diálogo
Ademais desa xuntanza do mes de maio, Jorge Duarte ten participado en varias comisións de seguimento coa Dirección Xeral de Infraestruturas e o Adif nas que se reiterou a necesidade de que Compostela contara cunha estación intermodal de calidade.

A licitación conxunta dos dous proxectos, aínda que se executen en dúas fases, vén a darlle a razón ao Executivo local cando afirmaba que non era preciso acadar a cifra de 3,5 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras á hora de comezar a licitación da segunda fase da estación intermodal, prevista agora de forma conxunta coa da primeira fase para finais de 2017 ou comezos de 2018.

Por parte do Concello continuarase traballando co resto de administracións de forma conxunta para conseguir que este proxecto saia adiante.

Compartir: