XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a primeira fase da renovación e modernización do alumeado público nos accesos á cidade

04/08/2017 A Xunta de Goberno vén de aprobar o proxecto da fase I de mellora da instalación do alumeado público dos accesos a Santiago. Como indicou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, "trátase dunha actuación vinculada ao proxectos de axuda do IDAE, pola que Santiago recibirá 1,4 millóns de euros e que permitirá renovar máis de 2.000 puntos de luz en todo o Concello".

Nesta primeira fase inclúense actuacións nos accesos pola vía da Estrada, a avenida de Pontevedra, a estrada de Noia, o viaduto da Rocha e a avenida de Antón Fraguas, por un orzamento dalgo máis de 330.000 euros e cun prazo de execución de dous meses.

Convenios
Na reunión semanal do Executivo local tamén se lle deu luz verde a varios convenios. Un deles entre o Consorcio e o Concello para a realización dunha intervención de restauración e mellora no itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela". Esta obra supón un investimento de 87.197,40 euros, dos cales o Concello asumirá 61.222,67 e o resto o Consorcio.

Tamén se aprobaron convenios con entidades deportivas como o Club Arteal Tenis de Mesa, a SD Compostela ou o Club Triatlón Santiago, por importe de 12.000, 50.000 e 12.000 euros, respectivamente. Ademais, deuse conta da sinatura do convenio co Santiago Futsal, aprobado na Xunta de Goberno da semana pasada.

Acordouse conceder tamén unha subvención á Asociación Cultural Rocha Forte para a realización de diversas actividades ao longo do ano. O convenio ten unha contía de 3.000 euros.

Outros asuntos
Na Xunta de Goberno tamén se deu o visto bo ao inicio da licitación para a reurbanización da rúa Rapa da Folla, cun orzamento de 37.063,29 euros. Esta intervención permitirá harmonizar unha zona na que se acometeron obras de reurbanización en rúas lindeiras como Carreira do Conde e Montero Ríos.

Ademais aprobouse a segunda fase da mellora da seguridade viaria na rúa Cañoteira, cun orzamento de licitación de 194.177,68 euros, e a adxudicación do contrato de ampliación do vieiro Cañoteira-Outeiro de Marrozos á empresa Francisco Gómez y Cia, por un importe de 204.601,68 euros. Isto permitirá mellorar os accesos nunha parroquia que ten multitude de problemas para o acceso de vehículos de emerxencia, recollida de lixo ou transporte urbano.

A Xunta de Goberno acordou finalmente aceptar unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de 20 persoas no exercicio de 2017. A contía da subvención ascende a 206.328,36 euros.

Documentos relacionados



Compartir: