FACENDA

As propostas dos Orzamentos Participativos reciben case 5.000 apoios

03/08/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta hoxe dos resultados da segunda fase do proceso de Orzamentos Participativos do 2018, na que a veciñanza de Compostela puido dar o seu apoio ás propostas presentadas na fase anterior.

Dende o 6 de xuño e ata o mes de xullo manifestáronse 4.767 apoios, a dividir entre as 279 propostas presentadas durante a primeira fase. Os investimentos recibiron 3.500 apoios, mentres que as actividades, tanto das festas do Apóstolo como de mocidade, recibiron un total de 1.267 apoios (848 festas e 419 mocidade). Ademais de habilitar a web decide.santiagodecompostela.gal, realizáronse asembleas presenciais nas diferentes áreas para apoiar as propostas.

O número total de participantes sitúase en 2.785, dos cales 1.057 son novas altas na plataforma e 1.728 son do ano anterior, que participan tamén do proceso deste ano. Isto supón un incremento na participación superior ao 60%

Propostas
Esta fase de validación das propostas presentadas, mediante o apoio presencial ou telemático das persoas participantes, permite ter unha listaxe de 140 propostas (20 por área temática), que serán polas que comece o persoal técnico municipal de cara á votación, que comezará o 22 de setembro e se estenderá ata o 13 de outubro.

Entre as propostas máis apoiadas en cada área atópanse a realización do Compostela Swing Festival, feminismo para a mocidade, actividades con cans, a construción dun carril bici en Chaián, unha piscina pública cuberta na zona sur, parques biosaudables nas parroquias, acondicionamento do CSC de Enfesta, espazos de ocio cubertos nas parroquias, rehabilitación das fontes de Aldrei e A Susana, rehabilitación de zonas relacionadas co Camiño Inglés, reacondicionamento de solares en Salgueiriños para a xente máis nova e creación de áreas de xogo, ou a realización dunha instalación deportiva en Santa Marta-Choupana-Conxo.

Avaliación técnica
Do 1 de agosto a 21 de setembro, a Oficina Técnica, conformada por técnicos municipais de todos os departamentos, estuda a viabilidade das propostas con máis apoios e fai unha estimación do custo de cada proposta. Pasarán á fase de votación 20 propostas viables por cada proceso (os das 5 áreas, Mocidade e Festas). Isto permitirá que propostas que, a priori, están fóra da listaxe das 20 máis apoiadas, poidan entrar a formar parte do proceso de votación se algunha destas resulta inviable tecnicamente.

Cómpre lembrar que as propostas teñen que ser viables tecnicamente, legais e de competencia municipal, e deben ser investimentos nos procesos zonais, e actividades no caso de Mocidade e Festas.

Seguridade do sistema
A preguntas dos medios, a concelleira de Facenda explicou o sistema de seguridade na votación dos orzamentos participativos. Tal e como afirmou María Rozas, "existe un procedemento para altas que garante, sen acceso aos datos totais do padrón, confirmar o empadroamento da persoa".

O sistema garante que, no caso de darse circunstancias anómalas, se active o protocolo de comprobación da identidade que, de non realizarse con éxito, suporía a anulación dos votos. "Non houbo fuga de datos cara fóra nin houbo ningún fraude. Precisamente, a empresa garantiu co sistema de alerta da plataforma e co protocolo de seguridade que se pon en marcha que non se produzan situacións de fraude nas altas, apoios e/ou votos", explicou a concelleira.

Compartir: