ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello solicita adherirse á nova fase de axudas para as ARI da Pontepedriña, Vite, Vista Alegre e Casco Histórico

02/08/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou esta mañá os detalles da solicitude do Concello para participar na prórroga do Programa de Rexeneración e Renovación Urbanas do Plan Estatal de Fomento do Alugueiro de Vivendas, Rehabilitación Edificatoria e Rexeneración Urbanas.

Este programa tivo unha vixencia bianual (2015-2016), durante a cal o Concello de Santiago "recibiu 900.000 euros para a realización de 40 actuacións de rehabilitación no casco histórico e a colocación de ascensores en 5 bloques de vivendas en Vista Alegre", indicou Duarte. Agora, para a prórroga deste programa, vén de solicitar un total de 2.687.000 euros que, segundo explicou, "serían os necesarios para poder darlle resposta á demanda veciñal nas catro áreas e tendo en conta que nesta solicitude Santiago conta cunha Área de Rehabilitación Integral máis, a de Vite, que foi declarada en 2016".

O concelleiro destacou que nos ARI de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre hai un total de 42, 115 e 47 edificios sen ascensor, respectivamente, o que supón que 376, 1.263 e 752 vivendas carezan deste servizo.

Máis fondos
Jorge Duarte fixo mención ao convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e o IGVS o pasado luns polo cal se habilitarían entre 8 e 10 millóns de euros para acometer, en todo o territorio galego, actuacións en materia de rehabilitación e mellora da accesibilidade. Entende o concelleiro que se trata dunha cantidade "insuficiente" e, por iso, aproveitou para solicitarlle a ambas administracións unha ampliación desta contía.

"Entendemos que se debe investir máis en rehabilitación, xa que esta é unha potente xeradora de riqueza e de emprego", apuntou o edil, quen destacou a gran demanda que existe en zonas como Vite.

No caso de Compostela, quérese realizar un total de 148 actuacións, que incluirían a colocación de ascensores en 18 edificios: 6 en Vite, 6 na Pontepedriña e 6 no barrio de Vista Alegre. Tal e como indicou o concelleiro, "estamos ultimando os estudos de detalle en Pontepedriña e Vite, co obxectivo de telos listos a finais de ano", e así poder instalar ascensores nos edificios máis antigos.

A maiores, o Concello ten a disposición da veciñanza unha Oficina de Vivenda e Rehabilitación, a través da cal se poden xestionar estas axudas das catro ARI coas que conta a cidade.

Axudas complementarias
Este programa supón que as administracións sufraguen entre o 35% e o 50% da instalación de ascensores. Por iso, Jorge Duarte avanzou tamén que o Concello porá a disposición da veciñanza unha liña complementaria de axudas para as persoas con menos recursos económicos, de cara a poder sufragar o montante restante da instalación.

Compartir: