ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto 2017 ofrecerá as primeiras retrospectivas completas de F.J.Ossang e Teddy Williams en España

01/08/2017 O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela anunciou hoxe os primeiros convidados da súa edición número catorce, que terá lugar do 1 ao 8 de outubro. Trátase dos cineastas F. J. Ossang e Teddy Williams, aos que se lles dedicarán cadansúas retrospectivas. Canda eles, tomará parte nesta edición de Curtocircuíto un nome de referencia cinematográfica internacional que será anunciado nos próximos días.

O programa dedicado ao director francés F.J Ossang descubrirá un artista underground, incapaz de limitar a súa creatividade a unha soa disciplina, cun estilo inconfundible que combina punk, situacionismo, film noir e ficción post-apocalíptica. Cineasta de actualidade, xa que presentará o seu último filme 9 doigts nesta edición do Festival Internacional de Cine de Locarno, inicia a súa traxectoria artística en 1975 no eido literario. A principios dos anos 80 trasládase a París para estudar cine e fundar Messageros Killers Boys (MKB), un grupo punk co que edita unha ducia de discos e que pon a banda sonora a algúns do seus filmes.

Exhibidas en festivais internacionais como Cannes, Venecia ou Róterdam, as películas de Ossang retroaliméntanse constantemente do seu traballo como músico, escritor, editor e poeta. Nelas é frecuente atopar reconvertidos en actores ao boxeador Stéphane Ferrara e a músicos como a banda punk Lucrate Milk, na pel dun grupo de gladiadores urbanos, ou a Joe Strummer (The Clash), quen afirmou que Ossang "é o único director co que volvería traballar sen dubidalo".

Será a sección Pulsar, que cada edición recoñece o traballo de cineastas emerxentes, a que acolla a retrospectiva do director arxentino Teddy Williams. A pesar da súa xuventude (naceu en Bos Aires en 1987) está considerado un dos novos referentes do cinema latinoamericano actual grazas a un estilo que escapa a calquera definición, marcado pola incerteza do movemento e as conexións espontáneas. Williams foi construíndo unha obra que reflicte a incerteza dunha mocidade case esquecida e abandonada polos adultos e que, dalgunha maneira, tamén emerxe como un retrato íntimo do seu país, Arxentina.

Os seus traballos, exhibidos na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes, FIDMarseille, Toronto International Film Festival e Tate Cinema, entre outros, son misteriosos, viscerais, vertixinosos, desacougantes, impredicibles, incapaces de provocar indiferenza. Despois de colleitar numerosos éxitos coas curtametraxes Tan atentos (2011) e Pude ver un puma (2011), en 2016 dirixiu a súa primeira longametraxe, El auge humano, galardoada na categoría Cineasti del Presente do Festival de Locarno.

Nove títulos, Dharma Guns (2012), Vladivostok! (2010), Ciel Eteint (2008), Silencio (2007), Docteaur Chance (1997), Le Tresor des Iles Chiennes (1990), L'affaire des divisions Morituri (1985), Zona Inquinata (1983) e La derniere enigme (1980), compoñerán a retrospectiva de F. J. Ossang. A sección Pulsar acollerá, pola súa banda, El auge humano (2016), Tôi quên rồi! (2014), Que je tombe tout le temps? (2013), El ruido de las estrellas me aturde (2012), Pude ver un puma (2011) e Tan atentos (2011).

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela constitúe un punto de encontro para profesionais, creadores e amantes da sétima arte, cunha sección oficial competitiva e diversas seccións fóra de concurso. Na súa décimo cuarta edición, Curtocircuíto afondará na fusión entre diferentes disciplinas artísticas e realizará un completo programa de sesións multidisciplinares arredor do cinema, o son, a música e o pensamento, con proxeccións, actividades formativas, unha exposición e diversas performances que terán lugar en diferentes espazos da cidade. Estes contidos serán anunciados ao longo do mes de agosto.

Compartir: