FESTAS

Arredor de 100.000 persoas gozaron da programación das festas do Apóstolo 2017

01/08/2017 O alcalde de Santiago fixo balance esta mañá do que foron as festas do Apóstolo deste ano, as máis descentralizadas e con máis días de actividades dos últimos anos. Martiño Noriega definiunas como unhas festas "marcadas pola alta participación, tanto da veciñanza como da xente que nos visitou durante estes 17 días". En total, foron arredor de 100.000 as persoas que se achegaron ás numerosas propostas que o Concello de Santiago programou dende o pasado 14 e ata o 31 de xullo.

O Apóstolo do 2017 mantivo a aposta por achegar ao maior número de barrios e parroquias posibles as actividades das festas. Así, isto conseguiuse grazas ao programa Artellando nos barrios e nos recunchos, no que participaron arredor de 13.000 persoas. Dentro das actividades do Artellando destacou a Romaría Cativa ou o Baile Assalto, actividades celebradas o 20 de xullo no Restollal e no Toural, respectivamente, e polas que pasaron 9.000 persoas (6.000 na Romaría Cativa e 3.000 no Baile Assalto).

A maiores conseguiuse descentralizar a festa grazas ás propostas programadas no marco dos orzamentos participativos Compostela Decide. Estas actividades chegaron ao parque de Bonaval, á praza Roxa, a Belvís ou a Vite.

Aposta pola cultura local
Nestas festas resultou tamén un éxito o ciclo Compostela é! Música, que xurdiu nas festas da Ascensión e se mantivo durante o Apóstolo para amosar a alta calidade dos grupos de Compostela. Polo escenario da praza do Toural pasaron arredor de 7.000 persoas entre o 25 e o 31 de xullo para ver os seis grupos da cidade: a Orquestra Xuvenil de estudo, Falúa, Xosé Constenla e Os Desbandados, Kelibé, Esposa, Nastasia Zürcher e The Funkles.

A iso hai que sumarlle a celebración do Jam Martiño Pinario, un festival que incluíu charlas, actividades para nenos e nenas e tamén música en directo, coa participación de dúas bandas de Santiago, The Fabulous Resaca Brothers e Balkin Blues Band.

Finalmente, os grupos locais tamén tomaron a praza da Quintana. Foi o caso de Novedades Carminha, que actuaron en compañía de varias bandas galegas, ou os Ivy Moon, xusto antes do concerto de Nada Surf. En ambos casos achegáronse á praza arredor de 2.500 persoas.

Para todos os públicos
O alcalde de Santiago fixo fincapé na variada programación destas festas, que combinaron grandes nomes como The Gift, Dorian ou Nada Surf xunto con propostas novidosas como o festival Terra da Fraternidade, polo que pasaron preto de 10.000 persoas entre o 14 e o 18 de xullo. Un festival que combinou a actuación diaria dun grupo galego e doutro internacional para achegar a Compostela as músicas do mundo.

Ademais, as festas buscaron facer do Apóstolo unha celebración non só para as persoas que nos visitan senón tamén para a veciñanza de Compostela e, por iso, mantiveron citas tradicionais como a Xornada de Folclore (3.000 persoas), o Torneo da Chave ou os concertos da Banda de Música combinados con apostas como a Ultranoite de Chévere na Quintana (2.700 persoas), a programación infantil ou o concerto Territorio das Mulleres, con 2.000 persoas. Todas as actividades foron de balde, para facer unhas festas para todos e para todas.

Direccións relacionadas



Compartir: