FESTAS

Nada Surf e Ivy Moon actuarán este venres na Quintana no marco das festas do Apóstolo

27/07/2017 Ás portas da última fin de semana de festas do Apóstolo, chega un venres cargado de música e actividades culturais.

Comezaremos ás 18 horas na Vía Sacara onde haberá oco para o jazz e a improvisación grazas ao concerto que nos van ofrecer LAR Legido e Amigos.

O venres haberá unha nova ocasión de realizar Monicreques en ruta con Valle-Inclán por Santiago. A cita é na Alameda (diante da estatua) a partir das 18:30 horas. Tamén na Alameda desenvolverase, ás 20:30 horas, unha nova sesión do 39º Torneo de Chave das Festas do Apóstolo. Media hora antes, a praza das Praterías acolle o Concurso de Traxes de Época.

Nada Surf
Tras a cancelación do concerto de Macy Gray por motivos persoais da cantante, a Quintana acollerá este venres a actuación do grupo compostelán Ivy Moon, que telonearán aos neoiorquinos Nada Surf. A cita é ás 21:30 horas.

Nada Surf é un grupo de rock alternativo formado en Nova York en 1992. Actualmente está integrado por Matthew Caws (guitarra e voz), Daniel Lorca (baixo e voz), Doug Guillard (guitarra) e Ira Elliot (batería e voz). A banda obtivo o recoñecemento mundial en 1996 grazas ao single "Popular", pertencente ao álbum High/Low. Ademais de repasar os seus grandes éxitos, presentarán en Compostela o seu último disco, Peaceful ghosts, lanzado en 2016, uns meses despois do anterior álbum,You know who you are.

O seu oitavo álbum pódese considerar a colección máis representativa das súas décadas de carreira do grupo. Producido por Tom Beaujour en Nuthouse Recording, supón o primeiro da banda oficialmente como un cuarteto, con Doug Guillard como segundo guitarra. Nada Surf é ademais o cabeza de cartel do Low Festival de Benidorm.

Tamén haberá música no Toural co ciclo de artistas locais Compostela é! Música, que nos traen a partir das 23:00 horas as músicas do mundo de Kelibén.

Direccións relacionadas



Compartir: