POLÍTICAS SOCIAIS

Asinados dous novos convenios co Colexio de Avogados de Santiago e coa Plataforma polo Emprego

26/07/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, asinou esta mañá dous novos convenios co Colexio de Avogados e a Plataforma polo Emprego para o desenvolvemento de accións durante este 2017. A contía dos mesmos ascende a 25.000 euros.

En relación ao convenio asinado coa Plataforma polo Emprego, ten unha contía de 12.000 euros e está dirixido a 30 persoas migrantes desempregadas ou con emprego precario que teñan entre 16 e 60 anos. Concha Fernández destacou que este programa busca fundamentalmente "a incorporación sociolaboral de persoas migrantes e desenvolver actividades de tipo cultural e de visibilización da comunidade migrante". Tamén se programarán actividades de formación e inserción sociolaboral como a que anunciou o representante da Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández, que se celebrará no mes de setembro.

Pola súa banda, o convenio asinado co Colexio de Avogados ten como piar fundamental o acompañamento ás persoas que poidan estar nunha situación de perder a súa vivenda habitual. Para o decano do Colexio, José Rabuñal, o convenio "é moi importante porque o Concello cubre así un oco para os veciños e veciñas de Compostela, que é aquel que non cubre a xustiza gratuíta".

Compartir: