EMPREGO

Santiago recibe 1,5 millóns de euros de fondos europeos para o seu Plan de Emprego Xuvenil

21/07/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, anunciou este venres que o Concello de Santiago vén de recibir unha subvención europea por importe de 1,5 millóns de euros que permitirá levar a cabo o Plan Xuvenil de Integración Profesional "Mocidade con Emprego", cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e a Garantía Xuvenil.

Tal e como explicou Marta Lois, este programa "consta de 19 itinerarios profesionais de inserción cuxa formación está asociada a un certificado de profesionalidade. Na elección dos itinerarios tomouse en consideración o sector produtivo comarcal e os perfís profesionais máis demandados e necesarios". Para a concelleira "é salientable que sexamos o terceiro concello do Estado que máis fondos recibe para este programa e o primeiro de Galicia. Ademais, é a contía máis alta que recibe o Concello dende a existencia deste programa (2004)".

Todas as persoas novas participantes realizarán un itinerario formativo e laboral personalizado, que lle permitirá adquirir a cualificación profesional requirida para lograr un emprego de calidade. Realizarán prácticas profesionais, non laborais, coas que mellorarán as súas competencias persoais e habilidades sociais.

Durante todo o programa, dispoñerán dun acompañamento personalizado de asesoramento e deseño das accións máis adecuadas para mellorar a súa empregabilidade, axudándoo/á construír o seu propio itinerario, a trazar o camiño que debe percorrer, a recoñecer as súas expectativas e reconstruílas. Para iso realizarase un itinerario personalizado de inserción a cada un/ha das persoas beneficiarias.

Case 400 mozos e mozas
Este Plan de Emprego Xuvenil, que leva por nome "Mocidade con Emprego" permitirá que 380 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de Compostela estean máis preto de acadar un emprego de calidade. Por iso realizarán actividades relacionadas coa eficiencia no uso de auga en edificios, viabilidade de instalacións solares, certificación enerxética, actividades de comercio, xestión de repoboacións forestais e un longo etcétera. A bolsa que recibirán os mozos e mozas ascende a 426 euros ao mes durante seis meses.

O proxecto Plan Xuvenil de Integración profesional "Mocidade con Emprego" Santiago 2017-2020 está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e a Garantía Xuvenil.

Compartir: