NADAL

Tres semanas para gozar do xeo en Salgueiriños

12/12/2006 Dende o 18 de decembro e ata o 8 de xaneiro permanecerá en Salgueiriños unha pista de xeo, na que novos e maiores poderán gozar da patinaxe sobre esta superficie. Todos terán á súa disposición unha carpa de 1.300 metros cadrados e unha pista de 20 x 30 metros, en amplos horarios e con tódalas facilidades de equipamento.

Cinco euros será o prezo para unha hora de patinaxe sobre esta superficie, que este ano se traslada a Salgueiriños. "Trátase de achegar a pista máis aos cidadáns e, ao mesmo tempo, darlles a coñecer esta nova área da cidade", apuntou o concelleiro de Deportes e Relacións Veciñais, Manuel Portas, na presentación do evento. Apuntou que a pista estará dispoñible a pleno rendemento dende o 18 de decembro e que a súa instalación unicamente se retrasou a causa das condicións meteorolóxicas dos últimos días.

Os interesados poderán demostrar as súas habilidades sobre o xeo en horarios de mañá e tarde. Ademais, os xoves, venres e sábados, o horario prolongarase en sesión nocturna ata a unha da madrugada. Os patíns estarán dispoñibles na propia carpa e haberá de tódalas tallas, ata o número 47.

Neste evento tamén colabora a Concellaría de Cultura. O seu responsable, Néstor Rego, indicou que está previsto que o día da apertura se celebre un espectáculo de patinaxe artística. Así mesmo, apuntou que esta pista de xeo se sitúa dentro da ampla oferta de actividades previstas para estas datas, que inclúe, entre outros acontecementos, unha nova edición de Nadalxogo.

Finalmente, a concelleira de Educación e Mocidade, tamén implicada na organización, invitou a todos os composteláns a gozar da pista de xeo e apuntou que se facilitará que diversos colectivos poidan achegarse ata a carpa de Salgueiriños.

Compartir: