MOBILIDADE

Os concellos da comarca compostelá analizan as súas necesidades en materia de transporte metropolitano

20/07/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, participou onte nunha xuntanza sobre o transporte metropolitano, xunto con representantes dos concellos de Teo, Ames, Brión e Oroso. A reunión tiña como obxectivo analizar as necesidades comúns deses municipios en relación ao novo Plan de Transporte da Xunta de Galicia.

A reunión celebrouse no Concello de Teo, convocada pola súa concelleira de Mobilidade, Conchi García, Ademais de Jorge Duarte, tamén asistiron os alcaldes de Ames, José Miñones; Brión, José Luis García, e Oroso, Manuel Mirás.

Na xuntanza púxose de manifesto a necesidade de que "os municipios da área metropolitana de Santiago poidan formular as súas prioridades en materia de transporte diante da Dirección Xeral de Mobilidade, dun xeito coordinado e conxunto". Así, os alcaldes e concelleiros abordaron cuestións concretas relacionadas coa ampliación das frecuencias e rutas, o cumprimento dos horarios das liñas ou a mellora da información dos horarios ao usuario.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade defendeu na reunión a importancia de explorar outros modelos de xestión do transporte que deben pasar por un Consorcio, unha posición coa que coinciden os outros concellos. Ademais, todos os concellos representados na xuntanza de onte coinciden en que a súa interlocución coa Xunta de Galicia non pode pasar exclusivamente pola comisión do Transporte Metropolitano de Santiago.

Compartir: