FACENDA

O Concello destina 3,3 millóns de euros dos remanentes a máis de 20 obras na cidade e no rural

20/07/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta hoxe do destino do superávit do exercicio de 2016, que ascende a 7,5 millóns de euros. Deles, 3,3 millóns dedicaranse a máis de 20 obras para o conxunto do municipio.

María Rozas dividiu a contía total en tres tipos de gasto: por unha banda, o pago de sentenzas e convenios de mandatos anteriores; doutra, a amortización anticipada de débeda e, finalmente, os investimentos financeiramente sustentables.

Rozas explicou que do total de 7,5 millóns de euros, destinaranse 1,5 para gastos pendentes do ano anterior, que "é o primeiro destino do superávit que marca a lexislación vixente". Ese total corresponde fundamentalmente "ao pago de sentenzas que chegaron a finais de ano ou outro tipo de acordos administrativos de gobernos anteriores dos que levamos sorpresas e que se suman aos 3,5 millóns de euros xa pagados en sentenzas no 2016".

Así, medio millón de euros corresponde a sentenzas que debe pagar o Concello por decisións tomadas en mandatos anteriores. Esas sentenzas inclúen o pago de 142.000 euros a avogados externos por facturas de 2010 e 2013 "que foron devoltas en 2014"; por unha obra feita en 1998 sen contrato nin informes previos e por xuros de demora do xustiprezo de FINSA. Outro medio millón de euros aos xuros derivados da sentenza chegada o ano pasado polo parque comarcal de bombeiros en relación a unha factura non pagada do ano 2009. "Como sabedes, xa o ano pasado tivemos que habilitar un millón de euros pola factura destas obras e agora temos que abonar os xuros", lembrou María Rozas.

Os case 400.000 euros restantes son os relativos ao convenio que o Concello asinou con Acuaes sendo rexedor Agustín Hernández. Segundo explicou a concelleira, "nese convenio acordouse que se existía algunha diferencia a maiores do acordado no convenio, a diferenza económica a asumiría o Concello de Santiago, sendo prexudicial para as arcas públicas".

Obras no municipio
María Rozas explicou que este ano se destinarán 3,3 millóns de euros a acometer pequenas obras na cidade e no rural, os denominados investimentos financeiramente sustentables. Trátase de máis de 20 obras que responden a demandas veciñais, acordos plenarios e promesas co BNG e PSOE durante a negociación orzamentaria "e que aseguramos que incorporaríamos como remanentes".

Realizaranse obras de mellora en varios centros socioculturais do rural como Grixoa, Bornais ou A Peregrina; obras de accesibilidade solicitadas pola veciñanza das rúas Santas Mariñas e A Estrada; obras de reparación de viarios en todo o municipio; obras de accesibilidade no polideportivo de Santa Isabel; melloras no Campus Sur ou a creación dun parque de skate na cidade.

A maiores, o montante restante, "como cumprimento da lei de estabilidade financeira, destinarase a amortizar débeda de forma anticipada". En total son 2,6 millóns de euros que permitirán continuar saneando as contas públicas ata situar a débeda en 30 millóns de euros, 12 menos que hai dous anos.

Compartir: