ALCALDÍA

O Concello reclama a nulidade da hipoteca da entreplanta municipal do inmoble de Xeneral Pardiñas asinada no 2008

19/07/2017 O alcalde compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar a situación na que se atopa a entreplanta da rúa de Xeneral Pardiñas que o Concello de Santiago debe recibir libre de cargas segundo unha permuta asinada no ano 2005, e que sen embargo está gravada desde 2008 cunha hipoteca de 890.000 euros. Martiño Noriega explicou que o goberno actual solicitou xa a nulidade do procedemento hipotecario, e conseguiu que se paralice temporalmente a poxa á que ía ser sometido o inmoble.

O alcalde fixo un percorrido cronolóxico polos pasos que se foron dando desde que en marzo de 2005 o Concello de Santiago, sendo alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo, e Promociones Oroso asinaron unha escritura de permuta pola que a institución lle cedía á promotora unha parcela de San Lázaro para construír o actual edificio dos sindicatos. No mesmo acordo asinábase que a entreplanta de 426 metros cadrados da rúa de Xeneral Pardiñas sería entregada libre de cargas e gravames para uso público e municipal. No ano 2008, fíxose a distribución da carga hipotecaria do edificio entre os seus diferentes locais, asignándoselle á entreplanta municipal unha hipoteca de 890.000 euros. Martiño Noriega puxo o acento en que esa hipoteca foi subscrita co Banco Popular "a mesma entidade que tres anos antes subscribira o aval de case 340.000 euros que garantía que a entreplanta lle ía ser entregada ao Concello libre de cargas".

Noriega explicou que o Concello tardou máis de dous anos, ata 2010, en presentar a primeira demanda contra a promotora, naquel momento xa rebautizada como Bros Noroeste, ante o incumprimento de entregar a propiedade sen cargas. A sentenza chegou en 2015, e condenaba á promotora a entregar o inmoble sen facer referencia ao procedemento hipotecario, que seguiu o seu curso noutro procedemento xudicial iniciado polo Banco Popular contra a promotora.

Agora, en xuño de 2017, fixouse data para a poxa do inmoble e así se lle comunicou á Administración local. Procedemento que acaba de quedar paralizado temporalmente tras o escrito do Concello no que se solicitan medidas cautelares urxentes relativas á nulidade do procedemento hipotecario.

Martiño Noriega engadiu que "no ano 2011 a promotora inmobiliaria recoñeceu que lle era imposible liberar a hipoteca de Xeneral Pardiñas, e ofreceulle ao Concello un acordo para permutar esa entreplanta por outras propiedades libres de cargas, acordo que foi rexeitado no ano 2014 polo goberno do PP".

Accións contra o banco
O alcalde explicou que o Concello optou agora por unha nova vía xurídica ao presentar accións contra o banco "que asinou ao mesmo tempo unha hipoteca sobre a entreplanta de Xeneral Pardiñas e un aval que garantía que esa entreplanta lle sería entregada ao Concello libre de cargas". Martiño Noriega sinalou que ,deste xeito, "imos un paso máis alá, porque ata o de agora só se tomaran medidas xudiciais contra a promotora, pero non contra a entidade bancaria". Tamén apuntou que "a vía de solicitar a nulidade da hipoteca fora recomendada pola responsable de Patrimonio do Concello en febreiro do 2015, ao remate do anterior mandato, pero non se chegou a explorar esa posibilidade ata agora". Aclarou, ademais, que "ao Goberno actual non se lle comunicou cal era a situación da entreplanta, da que se soubo unicamente cando se recibiu a notificación do inicio da poxa".

Responsable das accións xudiciais
Na rolda de hoxe, o alcalde tamén saíu ao paso das informacións relativas á contratación dun avogado para encargarse da tramitación xudicial deste caso. Martiño Noriega aclarou que o decreto polo que se encarga ao letrado a elaboración do ditame e a interposición da solicitude de medidas cautelares dirixidas a suspender a tramitación da poxa xudicial especifica que "se prevé un gasto de honorarios por importe de 2.500 euros", unha cifra "non comparable aos centos de miles de euros que custaba a asesoría xurídica externalizada que tivo o Concello de Santiago ata este ano".

Compartir: