FESTAS E DEPORTE

As festas do Apóstolo tamén recordan o xornalista deportivo Antonio Bermúdez

17/07/2017 O Estadio de San Lázaro acollerá o próximo 25 de xullo un partido en memoria do xornalista deportivo Antonio Bermúdez, que enfrontará á S.D. Compostela e ao C.D. Lugo. O encontro foi presentado hoxe en rolda de prensa polo alcalde, Martiño Noriega; o presidente do Compostela, Antonio Quinteiro; o director de Relacións Institucionais do club, Ramón Castro, e o fillo do homenaxeado, o tamén xornalista deportivo Toño Bermúdez.

O alcalde mostrou a satisfacción do Concello por poder colaborar nun partido que "permite recordar a Antonio Bermúdez un ano despois do seu falecemento, cando aínda nos sentimos orfos e orfas". Martiño Noriega incidiu en que o xornalista da Cadea SER "formaba parte do imaxinario deportivo de toda a cidadanía de Santiago, e tiña percorrido miles de quilómetros seguido a traxectoria dos equipos máis emblemáticos da cidade como o Compostela, o Santiago Futsal ou o Obradoiro".

Tanto o fillo do homenaxeado, Toño Bermúdez, como o presidente da S.D. Compostela, Antonio Quinteiro, incidiron nesa vinculación do xornalista falecido con todo o mundo do deporte, "e en especial co Compos, que foi o equipo do seu corazón".

Chamamento á asistencia
O II Memorial Antonio Bermúdez celebrarase o 25 de xullo, a partir das 20:00 horas, no estadio de San Lázaro, e enfrontará á S.D. Compostela co C.D. Lugo. As entradas custarán 10 euros, salvo para os menores de 12 anos e para os socios, que serán de balde.

Antonio Quinteiro fixo un chamamento á asistencia ao partido, como mellor maneira de homenaxear a Antonio Bermúdez. Tamén se comprometeu "a darlle continuidade a este memorial ano tras ano, porque o xornalista será parte do Compostela para sempre".

Direccións relacionadas



Compartir: