EMPREGO

Sánchez Bugallo anima aos emprendedores a aproveitar as oportunidades de Compostela

12/12/2006 Fomentar a filosofía do emprendedor no colectivo estudantil é o obxectivo da I Xornada do Emprendedor Compostelán, celebrada no Palacio de Congresos. O evento pretendía aglutinar as diferentes posibilidades que os emprendedores teñen á súa disposición na cidade. É a primeira vez que as organizacións e entidades comprometidas co fomento do autoemprego a través da creación de novas empresas colaboran no desenvolvemento dunha iniciativa deste tipo.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, encargouse de inaugurar esta xornada, na compaña do reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias; do director do IGAPE, José Antonio Delgado Arce; e do presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey. Foi un bo momento para dar unha mensaxe de ánimo aos mozos e mozas que queren iniciarse no mundo empresarial.

No discurso de apertura, o rexedor compostelán sinalou que o Concello, xunto con outras entidades, está a levar a cabo iniciativas para fomentar a actividade emprendedora por parte dos máis novos, como pode ser o viveiro de empresas, ou Uninova, posta en marcha de forma conxunta coa Universidade. O alcalde salientou que hai moitas posibilidades e oportunidades para os novos emprendedores, e que, a pesar do risco que implica poñer en marcha unha empresa, o éxito e o acerto compensan, e puxo como exemplo a empresa compostelá Blu:Sens, formada por catro amigos e convertida xa nunha referencia no seu ámbito a nivel internacional. Por último, lembrou a conveniencia de acertar nas decisións e fixo fincapé en que as administracións están para apoiar este tipo de iniciativas.

Esta xornada estaba concibida dun xeito didáctico e centrábase na explicación, por algúns emprendedores, das experiencias que teñen no desenvolvemento dos seus proxectos empresariais. A clausura da xornada está reservada ao produtor galego Xulio Fernández, presidente de Filmax, a produtora e distribuidora máis importante de España.

Esta xornada está organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, coa colaboración do IGAPE, da USC, da Cámara de Comercio, de Caixa Galicia, de Caixanova e de La Caixa. Estas organizacións contan con casetas nos que os participantes poden acceder a información dos seus servizos.

Compartir: