FACENDA

Continúan os encontros para a fase de apoios dos orzamentos participativos Compostela Decide

11/07/2017 Para facilitar a participación da cidadanía, os orzamentos participativos Compostela Decide achéganse durante esta semana aos centros socioculturais e celebran asembleas presenciais por zonas ou procesos. Tras a celebración onte dun encontro correspondente á zona Norte no CSC de Vite, o equipo técnico trasladarase hoxe, ás 20:00 horas, ao CSC de Santa Marta, onde están convocadas as persoas pertencentes aos barrios de Conxo, Vidán, Santa Marta e A Rocha (zona Sur).

Mañá mércores será a vez do Rural, en concreto das parroquias de Santa Cristina e San Xoán de Fecha, A Peregrina, San Caetano, Grixoa, Verdía, Busto, Nemenzo, Marantes, A Barciela, Enfesta, Carballal, Sabugueira, Bando, Figueiras, Villestro, Laraño, Aríns, O Eixo e Marrozos, convocadas para as 20:00 horas no CSC das Fontiñas.

A plataforma decide.santiagodecompostela.gal atópase na fase de recollida de apoios ás 279 propostas rexistradas. Ata o 31 de xullo, as persoas con 16 anos cumpridos censadas en Santiago de Compostela poden dar o seu "Gústame" a todas as propostas que queiran dentro do proceso que lles corresponda. Tamén é posible achegar apoios de xeito presencial, nos encontros desta semana, ou recolléndoos no formulario habilitado na web para tal efecto.

A fase de apoios é unha novidade deste ano, que tamén se implementou noutras cidades co obxectivo de que á votación final cheguen unhas vinte propostas por área. Trátase de simplificar o proceso de votación e, á vez, facilitar o labor dos servizos técnicos á hora de avaliar a viabilidade e orzamentar as propostas.

Compartir: