FESTAS

Cidade Vella colabora na programación do Apóstolo con dez concertos de diferentes estilos

11/07/2017 O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro, presentou este martes as actividades enmarcadas na programación do Apóstolo nas que o Concello colabora coa Asociación Cultural Cidade Vella. Xan Duro estivo acompañado por un dos membros do colectivo, Manuel Rodríguez.

A Asociación Cultural Cidade Vella participa na programación con dez concertos en sete días das festas. Como sinalou o concelleiro, "unhas festas participadas son unhas festas nas que o Concello colabore con outras entidades, para que tomen parte do Apóstolo. Iso facilítanos unha programación máis variada, que chega a máis públicos e a máis puntos da cidade".

Tres espazos
A Asociación Cultural Cidade Vella ten programados concertos e actividades en tres prazas diferentes da cidade: San Fiz de Solovio, praza de Feixóo e Vía Sacra, que "funcionarán de xeito independente con músicas que poden encaixar mellor en cada un deses espazos", tal e como sinalou Manuel Rodríguez.

Así, os sábados 15, 22 e 28 de xullo, en San Fiz de Solovio, a festa comezará xa ás 14:00 horas cunha sesión vermú á que seguirá, a partir das 16:00 horas, a amenización por parte de varios DJ’s. A música rematará co concerto dun grupo local de Compostela que dará comezo ás 22:00 horas. Os grupos que tocarán cada un dos días son Gruzvilla, Filo e Puma Punka.

Outro dos espazos é a praza de Feixoo, que acollerá tres concertos os días 14, 17 e 20 ás 20:30 horas. O primeiro día será a vez de Xan Campos e o seu cuarteto de jazz-rock; o segundo día estará Monquillos, con jazz galego da man de Xacobe Martínez (contrabaixo), Marcelino Galán (guitarra) e Miguel Cabana (batería) e, finalmente, o xoves 20 de xullo, actuarán Sabela King e Néstor Pardo (Pardo & King).

O último dos espazos é a Vía Sacra, con actuacións os días 19, 20, 26 e 28 de xullo ás 18:00 horas. Os mércores 19 e o 26 actuarán Do Fondo do Peto, que nos achegarán a música máis tradicional; o xoves 20 é a vez de Tiberevi, tamén con música tradicional acompañada de improvisación a cargo de Beatriz e Xabier Blanco e, o venres 28, estará L.A.R. Legido e amigos facendo jazz e improvisación.

Direccións relacionadas



Compartir: