ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal e Brincadeira xúntanse para un concerto único

10/07/2017 A Banda Municipal de Música de Santiago e a Agrupación de Baile e Música Tradicional Brincadeira van colaborar nun concerto moi especial que terá lugar o xoves 13 na praza das Praterías. A concelleira Noa Morales presentou hoxe esta actuación, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director da Banda, Casiano Mouriño, e por dous dos profesores de Brincadeira, Felisa Segade e Xoán Porto.

A concelleira de Mocidade salientou que "é a primeira vez que a Banda comparte escenario con Brincadeira, aínda que as actuacións conxuntas con outras entidades da cidade son xa habituais no seu calendario". Noa Morales mostrouse convencida de que "este tipo de colaboracións permiten achegar a Banda a novos públicos, mesmo de xente moi nova como a que integra colectivos como Brincadeira".

Programa
No concerto do xoves poderase escoitar un repertorio cheo de temas tradicionais. Así, a Banda e Brincadeira interpretarán clásicos como a "Xota de Moscoso", a "Carballesa" ou a "Rumba de Saivane". Haberá tamén pezas interpretadas polas pandereteiras de Brincadeira, como a "Xota, muiñeira e pasodobre de Candín".

Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Música, salientou que o concerto "tamén é unha maneira de mostrar o traballo que fan as agrupacións tradicionais, sobre todo no que ten que ver coa conservación do noso patrimonio cultural". Do repertorio que se vai interpretar o xoves, salientou "as pezas das pandereteiras de Brincadeira, que foron as máis complicadas de arranxar para a interpretación conxunta coa Banda".

Tanto Felisa Segade como Xoán Porto, dous dos profesores de Brincadeira, mostraron a súa satisfacción por esta colaboración que, segundo lembrou Xoán Porto, "vén xa do século XIX, cando se empezaron a establecer sinerxias entre as bandas de música e as formacións populares". O profesor de Brincadeira quixo agradecer especialmente o traballo de Xaquín Xesteira, responsable da maioría dos arranxos das pezas que se escoitarán o xoves.

Documentos relacionados



Compartir: