LINGUA

O Concello volve colaborar coa Gala aRi(t)mar de música e poesía galego portuguesas

07/07/2017 O Teatro Principal acollerá o 31 de outubro a segunda gala de entrega dos Premios aRi(t)mar da Música e da Poesía Galego-Portuguesa, impulsados pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago co obxectivo de recoñecer e afianzar os vínculos lingüísticos e culturais ás dúas beiras do Miño. A iniciativa conta co apoio do Concello de Santiago e das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura.

Na presentación da mesma estiveron esta mañá a tenente de alcalde María Rozas; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Os premiados este ano son Pedro Craveiro e Paco Souto no eido da poesía; Quinta do Bill e Ses no da música e, como Embaixada Galego Lusófona, Fran Pérez "Narf". María Rozas lembrou que "esta iniciativa ten uns obxectivos que compartimos plenamente, xa que o Pleno da Corporación de Santiago aprobou por unanimidade a incorporación de Compostela, como membro observador, á UCCLA, a Unión de Cidades Capitais da Lingua Portuguesa".

A tenente de alcalde quixo tamén trasladar "o meu recoñecemento, e tamén o meu pesar, porque dúas das persoas distinguidas non vaian estar para recoller os seus premios: Paco Souto e Fran Pérez "Narf", ao que tanto seguimos botando de menos en Compostela".

A entrega dos Premios aRi(t)mar terá lugar o 31 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.

Toda a información para a retirada de billetes está dispoñible en www.eoisantiago.org.

Compartir: