ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

As festas do Apóstolo, o ciclo "TerraZeando" e o programa "Vive o verán" protagonizan a Compostelánea de xullo

07/07/2017 Xa se pode consultar e levar para a casa o duodécimo número da revista Compostelánea, a publicación mensual elaborada por Turismo de Santiago e a Concellaría de Acción Cultural que informa da oferta turística, cultural e de ocio da cidade. Esta revista naceu en xullo de 2016 para ofrecer a habitantes e visitantes de Santiago unha guía práctica para sumarse con boa información á vida activa na cidade.

Este mes, a publicación vén marcada polas Festas do Apóstolo 2017, que encherán de música, diversión e centos de actividades a nosa cidade do 14 ao 31 de xullo. Este mes é, para picheleiros e visitantes, o mes da festa máis grande, que ten o seu punto álxido na noite do 24 cos tradicionais Fogos do Apóstolo. Concertos en diversas prazas, monicreques, teatro e moito máis durante dezaseis días de festa.

Teatro e títeres
Xullo tamén é mes para gozar do teatro, neste caso coa celebración dos 30 anos de Chévere que encherán o Principal, a Quintana e o Auditorio coas propostas que teñen para todos e todas. Do 4 ao 9 de xullo tráennos Río Bravo, un espectáculo que se estreou en 1990 e que viron máis de 25.000 espectadores. Este musical esgota os estereotipos do western ríndose de todos eles nun lugar do (Nor)oeste onde os homes son homes e as mulleres tamén.

Do 12 ao 14 de xullo, a atención volve ao Auditorio de Galicia, onde poderemos ver Annus Horribilis, unha pequena ópera portátil creada e estreada en 1994 que percorreu España e Portugal con versión orixinal. Xa o 19 de xullo e tamén no marco das festas do Apóstolo, representarase Ultranoite no país dos ananos, con entrada de balde previa recollida de invitación no Teatro Principal.

Tamén en xullo, o protagonismo terao Valle-Inclán cos títeres en ruta por Santiago. Celebraranse do 26 ao 31 de xullo de 18:30 a 19:45 horas e con saída no Paseo dos Leóns.

Outras actividades
Ademais, este mes gozaremos de multitude de concertos ao aire libre. Destaca o ciclo TerraZeando, que nos trae concertos ao aire libre en numerosos emprazamentos da cidade, ou o Atardecer no Gaiás, que se celebra na nosa cidade por sétimo ano consecutivo.

A maiores destaca a exposición Alén dos xéneros inaugurada este xoves, que nos achega prácticas feministas en Galicia, ou a Festa Laica onde destacan os xogos e a carreira do Cendal.

Compartir: