FESTAS

O programa "Artellando" leva as festas a toda a cidade con máis de vinte actividades distintas

07/07/2017 O ciclo Artellando volverá levar o ambiente festivo a toda a cidade, con máis de vinte actividades distintas programadas no marco do Apóstolo 2017. A tenente de alcalde María Rozas debullou hoxe a programación, nunha rolda de prensa na que tamén participaron representantes das entidades que participan do Artellando: Fran Rei, de Culturactiva; Mauro Sanín, da Central Folque; José Expósito, de Pista Catro; e Mariola Cerdeiro, de Urdime.

A tenente de alcalde lembrou que "Artellando é unha clara aposta deste Goberno por levar o Apóstolo a escenarios da cidade que tradicionalmente estaban esquecidos durante as festas, implicando para iso a ducias de artistas de distintas disciplinas e traballando en rede". María Rozas sinalou que neste 2017 "o ciclo consolídase, e estamos convencidos de que seguirá medrando, porque nas dúas anteriores edicións das festas foi un éxito de público".

Artellando nos barrios
O programa Artellando vaise desenvolver do 17 ao 23 de xuño, con ata 24 actividades distintas distribuídas nas seccións Artellando nos barrios, Artellando nos recunchos e Artellando na noite.

Artellando nos barrios unifica a oferta de espectáculos familiares do ciclo Artellando e permite que estas propostas cheguen mesmo ao rural de Compostela durante as festas do Apóstolo. Desta vez, haberá 10 actividades distintas nos centros socioculturais de Villestro, Vite, A Trisca, O Castiñeiriño, Santa Marta, Aríns e Lavacolla; e noutros puntos como a praza do Matadoiro, Área Central e a praza Roxa.

Entre as propostas figuran espectáculos de maxia con Martín Camiña; teatro con Fran Rei; contacontos con Baobab; circo con Pistacatro; ou xogos tradicionais con Paporrubio.

Un dos espectáculos máis novidosos é o denominado Torre de Babel, un evento que culmina un proxecto no que participaron 20 persoas con dificultades de inclusión social dende o pasado mes de marzo, e que mostrarán o aprendido no Centro Sociocultural de Santa Marta o venres 21. A actividade repetirase o domingo 23 no Parque de Bonaval, xa dentro do Artellando nos recunchos.

Artellando nos recunchos
A sección Artellando nos recunchos inclúe propostas diferentes ao que adoita ser habitual na programación das festas, e tamén bota man de espazos da zona histórica pouco utilizados para este tipo de eventos como o xardín botánico de Fonseca, a praza de San Fiz de Solovio ou a praza Salvador Parga.

Neste apartado teremos circo contemporáneo con Dikhotomia, un espectáculo de percusión e arte visual con Roberto Oliveira ou a representación de O asombro, con Fantoches Baj. Tamén será o espazo no que coñezamos á artista portuguesa Vânia Couto e a proposta de poesía, música e performance de Cinta Adhesiva.

Os parques de Belvís, Bonaval e Alameda serán escenarios tamén do Artellando nos recunchos, cunha performance sonora ideada polo artista galego Berio Molina, con distintas emisións cada media hora, dende as 12:00 ata as 21:00 horas. Será o venres 21 de xullo.

Artellando na noite
As propostas do Artellando na noite serán do mércores 19 ao domingo 23, sempre na praza do Toural e a partir das 23:00 horas. Polo escenario pasará a cantante portuguesa Celina da Piedade o día 19, e o venres 21 será a quenda de Cosmotrópicos. Trátase dun proxecto xurdido en Compostela en 2010, que xuntou a músicos e cantantes de Galicia, Portugal, Cuba, Santo Tomé e Príncipe, República Dominicana e Brasil.

O sábado 22 poderemos ver a Questioni Meridionali Folk, un proxecto independente e Etno Folk-World Music producido en Barcelona e dirixido polo músico italiano Piero Pesce. O Artellando na noite pecharase o domingo 23 coa ceutí La Chica, que presentará o seu último traballo, De aquí a Lima.

Fran Rei, de Culturactiva, salientou "a calidade de todos os grupos que van participar no programa, que ademais poderán tocar nun espazo único como é o Toural".

Circompostela e Baile Assalto
Tamén no marco do Artellando, o martes 18 celebrarase a Gala do Circo Compostelán, Circompostela, organizada por Pistacatro. Será no parque de Belvís a partir das 22:30 horas, con Pablo Reboleiro e Aitor Garuz como presentadores.

Desta vez, a gala terá como artistas invitado, entre outros, a SincroNacidas, Vueltos de Rosca, Yesi Balbás, e Trasno. José Expósito, de Pistacatro, sinalou que o seu obxectivo é "mostrar o que se está a facer en todo o Estado na disciplina do circo e darlle visibilidade a novas tendencias que se están incorporando ao circo, como o street dance".

En canto ao Baile Assalto, será o xoves 20, na praza do Toural. Será unha xornada de iniciación ao baile con música ao vivo, organizada por aCentral Folque. Mauro Senín mostrouse convencido de que o baile "é a ximnasia gratuíta e feliz, que acaba creando adicción".

Nas distintas sesións participarán Mercedes Prieto e Sergio Cobos, o colectivo Seráns de Compostela e Os Cempés. Está agrupación será a encargada de pechar a xornada, cun concerto a partir das 22:00 horas.

Romaría Cativa
A programación do Artellando inclúe, por último, a Romaría Cativa que se celebrará o xoves 20 no parque de Eugenio Granell. A xornada comezará ás doce do mediodía coa apertura do espazo de xogo libre, a construción dun mural plástico con Babaluva e os xogos de Xandobela. A partir das 12:30 horas entrarán en escena Anxo Moure, Simón Pinhón e Percubebés; que repetirán espectáculos a partir das 17:30 horas. A xornada de mañá rematará con Mari Faltri e Jorge Juncal, que presentarán as súas Fantasías coas palabras a partir das 13:30 horas.

A programación da Romaría Cativa complétase co concerto de Golfiños, ás 18:30, e o concerto Sons Miúdos, a partir das 19:20 horas. Participarán Gloria Mosquera, Magín Blanco, Paco Nogueiras, Xoán Curiel, Ana Senlle, Pablo Díaz e Teatro dos Ghazafellos.

Compartir: