XUNTA DE GOBERNO

O Goberno destina 250.000 euros ás subvencións ao deporte federado

07/07/2017 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste venres, aprobou as bases da convocatoria de subvencións para o deporte federado, ás que se van destinar 250.000 euros.

A través desta liña de axudas, o Concello colabora co gasto que supón para as entidades deportivas locais non profesionais a participación nas ligas, competicións e demais compromisos de carácter federativo. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Convenios deportivos
Á marxe da convocatoria de subvencións, a Xunta de Goberno aprobou hoxe tres convenios con outras tantas entidades deportivas. O primeiro dos acordos é o que o Concello subscribe coa Agrupación Deportiva El Correo Gallego para a organización da 40ª Carreira Pedestre Popular, á que se destinarán 12.000 euros. O convenio coa Federación Galega de Tenis supón unha achega de 2.500 euros, mentres que a Federación Galega de Baloncesto recibirá 10.000 euros para a celebración do IV Jamboree de Clubs de Minibasquet.

Zona ORA na costa da Praza de Abastos
Na reunión de hoxe, o Goberno local acordou incluír a rampla de acceso á Praza de Abastos na zona ORA de curta duración, atendendo á petición da veciñanza. A área de aparcamento estará reservada para os usuarios da hostalería dende as 8:00 ata as 11:30 horas. De 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas, as prazas de estacionamento estarán reguladas polo sistema ORA, nas mesmas condicións que os demais tramos do contorno do mercado.

Aínda en materia de tráfico, a Xunta de Goberno aprobou as modificacións no último tramo da avenida de Xoán XXIII dende Burgo das Nacións e na zona da costa de San Francisco. A partir do luns, por estes viarios só poderán circular os vehículos autorizados e os que realicen labores de carga e descarga entre as 7:00 e as 10:30 horas.

Outros acordos
En materia de licitacións, a Xunta de Goberno acordou iniciar o procedemento para adxudicar as obras de construción dun aparcadoiro provisional disuasorio no parque empresarial da Sionlla. A actuación terá un custo dalgo máis de 370.000 euros.

Por último, aprobouse a corrección do proxecto reformado das obras de reurbanización da avenida de Vilagarcía.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: