TURISMO

O proxecto "Camiña o Camiño" remata con ilustracións de Santiago

06/07/2017 Santiago de Compostela converteuse hoxe na última etapa do proxecto Camiño o Camiño, no que catro ilustradoras galegas e portuguesas puideron debuxar diferentes lugares do Camiño da Costa, nun proxecto desenvolvida por Turismo de Santiago e El Patito Editorial con financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

A iniciativa ten dúas vertentes fundamentais: unha dende o punto de vista turístico, xa que ofrece unha nova ollada a través destas mulleres das paisaxes do Camiño da Costa, recentemente recoñecido, e outra dende o punto de vista da igualdade e da visibilización das mulleres no mundo da arte, para amosar que hai moi boas ilustradoras tanto en Galicia como en Portugal.

As catro ilustradoras galegas e portuguesas percorreron dende o 26 de xuño o Camiño da Costa realizando diversas ilustracións, que se converterán nun libro e nunha mostra onde as protagonistas serán as propias mulleres e o Camiño. O resultado será tamén un material que poder consultar sobre este Camiño.

Durante dez días debuxaron as seguintes cidades portuguesas e galegas: Porto, Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, A Guarda, Oia, Baiona, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago. Tamén debuxaron múltiples lugares entre as diferentes poboacións.

Fernanda Lamelas. Arquitecta de profesión, é unha apaixonada do debuxo. Participou en diversas exposicións colectivas de debuxantes de cadernos e colaborou como ilustradora en diversas publicacións e en libros como Palácios e casas senhoriais de Portugal. Forma parte, xunto a Teresa Ruivo, da dirección de Urban Sketchers Portugal.

Teresa Ruivo. Psicóloga de profesión, comezou a debuxar cadernos hai tres anos, sen pensar que o deseño sería tan importante na súa vida futura. Gústalle debuxar os lugares polos que pasa, os pequenos xestos, as rutinas diarias da xente e diversas situacións que dalgunha maneira a impresionan. Desenvolve, por iniciativa propia, un proxecto no Instituto Portugués de Oncoloxía de Lisboa, Desenhar contigo, no que realiza un obradoiro semanal con rapaces con enfermidades oncolóxicas.

Blanca Escrigas. Arquitecta, compositora, cantante, profesora de debuxo, empresaria... a afección pola pintura venlle da infancia, aínda que foi na universidade cando comezou a súa verdadeira paixón pola acuarela. Os seus traballos realízaos sempre en acuarela porque con ela di lograr un trazo preciso, pero informal e solto ao mesmo tempo. Con esta técnica recibiu numerosos premios de pintura nas súas obras.

Isabel Seidel. Filóloga e pedagoga, hai moito tempo que se perdeu nos mundos da cor, da forma e da observación para recrealo en pigmentos sobre papel aglutinado por unha pinga de goma arábica e disolto nun mar de auga. Traballou coas mans desde que era nena, experimentando coas cores, formas e materiais para converterse nunha apaixonada da pintura.

Compartir: