FESTAS

Máis días e máis actividades para todos os públicos nas festas do Apóstolo 2017

05/07/2017 O alcalde presentou hoxe a programación das festas do Apóstolo, que se celebrarán do 14 ao 31 de xullo. Martiño Noriega salientou que serán "18 días cunha intensa actividade, con propostas dirixidas a públicos moi diversos, en localizacións distintas por toda a cidade, e coa implicación de diferentes colectivos de Compostela". O rexedor salientou que se consolidan apostas que foron xurdindo nos últimos anos, coma o ciclo Artellando, o concerto das bandas galegas na Quintana ou as actuacións dos grupos do censo Compostela É Música! na praza do Toural.

O alcalde desvelou quen será a pregoeira das festas do Apóstolo. A elixida é a cantante Uxía, un dos grandes nomes da música galega e unha das maiores divulgadoras da nosa poesía. Martiño Noriega lembrou que "aínda que naceu en Mos, Uxía é unha compostelá máis, e está moi presente na vida cultural da nosa cidade". Uxía ten publicados doce discos, que lle valeron importantes recoñecementos como o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios de la Música Independiente de España por Meu Canto.

Noriega salientou que Uxía "é tamén unha defensora da nosa identidade lingüística, do diálogo entre culturas e do espazo que debe ter a muller no mundo da música". Lembrou ademais as súas colaboracións co artista Fran Pérez Narf, falecido en novembro do ano pasado. Á marxe do pregón, Uxía formará parte da programación das festas co concerto no que vai acompañar á Real Filharmonía de Galicia, o 20 de xullo na praza da Quintana.

Concertos da Quintana
O pregón de Uxía dende o balcón do Pazo de Raxoi, no venres 14, dará comezo a unhas festas que terán como epicentro a praza da Quintana. No seu escenario celebraranse os principais concertos da programación, incluído o da noite do pregón, que muda o seu escenario habitual da praza do Obradoiro.

Nos primeiros días do Apóstolo 2017, do 14 ao 18 de xullo, a Quintana será para Terra de Fraternidade, un ciclo que, segundo explicou o alcalde, "nace coa vontade de que as festas sexan tamén un espazo para o encontro das diferentes culturas do mundo, a través da música". O primeiro dos concertos estará protagonizado por Raigaña, Mercedes Peón, e banda polaca Warsaw Village Band. O ciclo tamén nos dará a oportunidade de escoitar música chegada de Ghana, Mozambique, Brasil ou Etiopía.

Despois de Terra de Fraternidade seguirán as grandes propostas musicais na praza da Quintana. O 20 de xullo será a vez da Real Filharmonía de Galicia acompañada pola cantante Uxía e, ao día seguinte, o escenario acollerá a proxección da ópera Il Trovatore, de Verdi, coa Orquestra Sinfónica e Coro do Gran Teatre del Liceu. O 22 de xullo será o momento do Certame Folk organizado por La Voz de Galicia, que se pechará coa actuación de Milladoiro, e o 23 de xullo celebrarase a tradicional xornada de folclore coa participación dos catro grupos máis representativos da cidade: Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia.

Xa o 24 de xullo terá lugar un dos principais concertos das festas, con The Chevelles e The Gift. Os primeiros son uns dos principais representantes do power-pop australiano, cunha traxectoria artística de 27 anos nos que teñen ofrecido máis de 1.500 concertos. En canto aos lisboetas The Gift, chegan a Santiago dentro da xira de presentación do seu sexto disco, Altar.

O día grande do Apóstolo resérvase na praza da Quintana para un concerto que estará protagonizado exclusivamente por bandas galegas, "repetindo unha experiencia que resultou moi satisfactoria o ano pasado", segundo apuntou o alcalde. Desta vez, xuntaranse no cartel Comando Katanam, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha.

Na xornada seguinte, o 26 de xullo, chegará outro dos pratos fortes destas festas: os barceloneses Dorian, que compartirán escenario con Tórtel. O 27 de xullo será a vez para o soul e o gospel de Irvin Arthur & The Black Voices of América, acompañados por Hot Swing Revue. Xa o día 28 estará en Santiago a cantante estadounidense Macy Gray e, o 29, Alejandro Vargas Consort e a Camerata Gelrio, xunto coa cantante Rosa Cedrón, para recordar a Chané no centenario do seu nacemento.

A do 30 de xullo será outra noite moi especial na Quintana, cun concerto que reunirá a Treixadura, Cantigas e Agarimos e a Banda Municipal de Música. A programación nesta praza pecharase co concerto, o día 31, de Allah-Las e The Limboos.

Máis música
Á marxe do escenario da Quintana, no Apóstolo 2017 haberá moita máis música. Repetirase a aposta polos músicos locais que forman parte do censo Compostela É Música!, que terán reservado o escenario da praza do Toural do 25 ao 31 de xullo. Por alí pasarán a Orquestra Xuvenil de Estudio, Falúa, Xosé Constenla e Os Desbandados, Esposa, Natasia Zürcher e The Funkles.

Ademais, o Concello e a Asociación Cultural Cidade Vella colaboran para facer realidade as actuacións de dez grupos distintos en espazos como a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio, e a Vía Sacra. Serán formacións de estilos ben diferentes, que van dende a música máis tradicional ao jazz, o funk ou o rock. No ciclo participaran Xan Campos ESD, Gruzvilla, Monkillos, Do Fondo do Peto, Tiberevi, Pardo & King, Filo, Puma Pumku, e Lar Legido e Amigos.

En colaboración coa Asociación Músicos Ao Vivo, o 26 de xullo celebrarase a Jam Martiño Pinario, con música, charlas, aulas abertas, jam session e un espazo de actividades para nenos e nenas.

Ademais, a programación do Apóstolo inclúe unha sesión do Baile Assalto o 20 de xullo, que se pechará cun concerto de Os Cempés; unha actuación de De Vacas o día 22, enmarcada no programa Territorio das Mulleres; un serán de hip hop que se celebrará o 27 de xullo en Vite; varias actuacións da Banda Municipal de Música e sesións vermú na praza de Cervantes. Tampouco faltarán as tradicionais orquestras da Alameda,

Artellando
Tamén haberá un apartado musical no programa Artellando, que volve no Apóstolo "co obxectivo de descentralizar a programación e que a veciñanza de todo o municipio perciba que estamos en festas", indicou o alcalde. Será do 17 ao 23 de xullo, con máis de vinte actividades distintas, repartidas en tres paquetes. Así, o Artellando nos barrios levará actividades aos centros socioculturais de Villestro, Vite, A Trisca, Lavacolla, O Castiñeiriño, Santa Marta e Aríns, e a espazos como Área Central ou o Matadoiro. O Artellando nos recunchos reúne diferentes propostas de artes escénicas en espazos singulares como a praza de Obradoiro, a praza de San Fiz, o xardín botánico de Fonseca ou os parques de Belvís, Bonaval e a Alameda. Finalmente, o Artellando na noite recolle catro concertos na praza do Toural, con Celina Piedade, Cosmotrópicos, Questioni Meridionali Folki e La Shica.

Outras propostas
A programación do Apóstolo inclúe aínda outras moitas propostas de interese. O día 18 teremos unha nova edición de Circompostela, a Gala do Circo compostelán que contará coa participación de numerosos artistas; e o día 19 Chévere porá en escena na Quintana a súa Ultranoite no país dos ananos, no marco dos actos cos que a compañía celebra o seu 30 aniversario. O 20 de xullo será a Romaría Cativa, con actividades para os nenos e nenas dende as doce do mediodía ata as 19:30 horas

Teremos tamén varias propostas xurdidas do proceso de orzamentos participativos, como o cine ao aire libre ou a xornada de cultura xamaicana; celebraremos o Día do Traxe e redescubriremos Compostela con Valle-Inclán, nas rutas guiadas con monicreques organizadas por Turismo de Santiago.

O alcalde explicou que o orzamento destinado ás festas do Apóstolo achégase ao medio millón de euros, "un pouco menos que o ano pasado, porque conseguimos un incremento dos patrocinios privados". Nesa cifra non se inclúen os tradicionais Fogos da noite do 24 de xullo, que se presentarán nunha rolda de prensa específica.

Documentos relacionados



Compartir: