ESPAZOS CIDADÁNS

Juan Requejo incorpórase ao equipo redactor do Plan Especial e Plan de Xestión da cidade histórica

05/07/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade compareceu hoxe en rolda de prensa para dar conta da nova fase que se inicia "para darlle un novo pulo á planificación urbanística da cidade histórica". Jorge Duarte estivo acompañado por Antonino Antequera e Paco Pol, do estudio Thuban, que se encarga da revisión do Plan Especial, e Juan Requejo, que vén de sumarse ao equipo de traballo.

Jorge Duarte explicou que a intención do departamento é darlle un novo pulo ao proceso de planificación da cidade histórica, "cunha visión máis integral que aborde os problemas de desvitalización da zona vella, que conte coa participación dos axentes sociais e que permita unificar a visión estratéxica coa programación de actuacións concretas no ámbito do Plan Especial". O concelleiro incidiu na importancia de "definir os usos da cidade histórica en cuestións como o turismo, a mobilidade ou o seu carácter residencial". De aí a incorporación ao equipo de Juan Requejo, "un consultor experto en temas de planificación estratéxica, turismo e mobilidade, que coñece moi ben Santiago e tamén a problemática da masificación do turismo nas cidades históricas".

Un cambio social, máis alá dos traballos técnicos
Juan Requejo gabou "o gran traballo que vén facendo o Estudio Thuban en termos de planificación", e mostrou o seu desexo de "facer achegas que permitan recuperar a vitalidade do casco histórico". O experto en planificación explicou que "a cidade ten que adaptarse aos tempos que vivimos sen poñer en risco os seus elementos patrimoniais, e para iso Compostela ten que atopar o seu propio modelo de cidade contemporánea". Iso, incidiu, "non se pode facer unicamente coas achegas dos técnicos por moi cualificados que estean. Ou é un cambio social, ou non é nada".

Por este motivo, Requejo explicou que "os meses de xullo e agosto dedicaranse ao traballo interno, pero a partir de setembro iniciaremos un proceso colectivo no que o papel do equipo redactor do Plan Especial e o Plan de Xestión será o de proveer de coñecementos e criterios a axentes sociais que construirán unha visión colectiva sobre o que queremos que sexa o Santiago do futuro". O consultor adiantou a intención de convocar en outubro "unha gran conferencia estratéxica sobre a cidade histórica, na que se definirá de forma conxunta como imos controlar os procesos máis depredadores que estamos sufrindo e sacar o máximo capital territorial da cidade histórica de Compostela".

Plan Especial actualizado
O arquitecto Paco Pol, responsable do Estudio Thuban, incidiu en que o traballo que agora comeza "dá cumprimento a unha obriga da Unesco para as Cidades Patrimonio". Deste xeito, Santiago contará con esta ferramenta de planificación estratéxica obrigada, e actualizará o Plan Especial, "un documento máis enfocado á pedra e ás edificacións".

Na mesma liña, o arquitecto Antonino Antequera explicou que "o Plan Especial e o Plan de Xestión son dous traballos diferentes que teñen que encaixar, non pode haber Plan de Xestión sen Plan Especial, e un Plan Especial sen Plan de Xestión estaría incompleto".

En canto ao Plan Especial, Antequera sinalou que no que se está traballando é na "actualización dun documento moi bo previo, e estamos facendo un grande esforzo, porque non había boa información para abordar os novos retos da cidade".

Compartir: