TURISMO

Santiago consolídase en cinco anos coma un destino turístico de primeira orde

11/12/2006 O Hostal dos Reis Católicos, acolleu a presentación da memoria das actuacións realizadas no marco do Plan de Excelencia Turística (PET) entre 2001 e 2005 para mellorar a accesibilidade da cidade, os seus servizos e espazos turísticos e de lecer, a súa notoriedade internacional, a calidade e profesionalidade do sector e a sensibilidade local cara ao turismo.

O acto de presentación dos resultados do Plan de Excelencia Turística ante a sociedade compostelá estivo presidido polas entidades que participaron neste proxecto, nado no ano 2001 para facer de Santiago de Compostela un destino turístico de primeira orde. Estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, entre outros. En total, asistiron uns 400 invitados.

O Plan de Excelencia Turística propúxose no 2001 mellorar a prestación de servizos turísticos cara ao Ano Santo 2004, data para a cal Santiago aspiraba a consolidarse coma un dos primeiros polos turísticos, culturais e de congresos de España.

O PET tradúcese en cifras, como a de crecemento de prazas hoteleiras, que pasaron de 3.384 en 2001 ás 4.178 de 2005 (un 23,46% máis), ou o crecemento das pernoctacións nun 32,11%. A estancia media pasou de 1,8 a 2,4 días no mesmo período e as consultas nas oficinas municipais de turismo ascenderon de 161.051 a 228.467.

Esta iniciativa centrouse na posta en valor dos recursos turísticos da cidade, para atraer aos visitantes máis aló da Catedral e por máis tempo. As rutas alternativas permiten agora coñecer a arquitectura contemporánea, os parques e xardíns e os conventos de clausura. Grazas ás melloras medioambientais, hai tamén novos espazos de lecer para toda a familia, como a Granxa do Xesto no Monte Pedroso.

O PET quixo potenciar o carácter de capital e centro xeográfico da cidade, facéndoa punto de partida das excursións regulares do servizo "Compostela Visión" por toda Galicia . E toda a cidade foi sinalizada correctamente, con postes direccionais, mapas de localización e plafóns interpretativos nos monumentos.

Lavacolla, líder do crecemento do baixo custo

Como resultado da política de atracción de novos operadores aéreos iniciada desde o PET, Lavacolla ocupa actualmente o primeiro lugar entre os aeroportos españois en crecemento das liñas de baixo custo, e supera cun 8,3% a media de crecemento das terminais nacionais do 6,5%.

A posta en marcha dunha das recomendacións do Plan de Marketing Estratéxico do Turismo -a de garantir a accesibilidade aérea da capital galega- reportou á cidade un tráfico aéreo en constante crecemento. A cifra anual de pasaxeiros era no 2003 de 1.349.705 e chegaba no Ano Santo a 1.580.494. A partir do inicio das novas conexións directas atraídas desde Turismo de Santiago, o 2005 marcou un tope con 1.843.211 persoas, que se verá superado no 2006, cando se espera deixar atrás a marca dos 2 millóns.

O primeiro Plan de Marketing para o Aeroporto de Lavacolla conseguiu atraer ata o aeródromo compostelán ás principais liñas de baixo custe europeas en abril do 2005. Como resultado desta planificación, o aeródromo dispón de conexións directas con case 40 cidades españolas e europeas, como Londres, Roma, Francfort, Liverpool, East Midlands, París, Barcelona, Madrid, ou Milán.

O máis recente reporte do Instituto de Estudios Turísticos (IET) sobre as compañías de baixo custo sinala que Lavacolla é, con 10.500 pasaxeiros transportados en outubro, o protagonista do maior crecemento español do sector cun 185%.

Un turismo máis profesional

A maior afluencia de visitantes debe entenderse como consecuencia do esforzo promocional para aumentar a "visibilidade" de Santiago de Compostela nos principais mercados turísticos.

O intenso calendario de presentacións, financiado polo PET, veuse recompensado cunha realidade: a cidade pasou neste século de ser un destino periférico a coñecerse e venderse
en mercados tan apartados como o xaponés, o chinés, o sudafricano, o brasileiro e o polaco.

Compostela integrouse ademais nalgunhas das máis sobranceiras marcas de promoción internacional, como o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas, European Cities Tourism ou a rede Cidades Santas.

O PET financiou numerosas publicacións turísticas e unha web www.santiagoturismo.com que, con sete idiomas e 16 millóns de visitas acumuladas desde 2002, é xa unha xanela
permanente á cidade.

A crecente profesionalización da xestión turística comezou desde a mesma empresa municipal responsable da súa xestión. Xurdida a partir da complexa xestión do programa da capitalidade europea no 2000, Incolsa especializouse na atención turística. Como "Turismo de Santiago", encárgase na actualidade da planificación, estruturación, comercialización e promoción do turismo na cidade, así como da vertebración de iniciativas mixtas no sector, nas que teñen cabida proxectos empresariais, cursos de mellora e plans que, como ‘Vivir Compostela’, incorporan á poboación local.

Atención especializada ao cine e aos congresos

Paralelamente, o PET deixou na cidade novos entes especializados en turismo. Nese sentido, a apertura dunha oficina para a captación e xestión de producións audiovisuais localizadas na cidade –a Santiago de Compostela Film Commission (SCFC)- e dunha oficina para a promoción da capital galega como escenario do turismo profesional –o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), que conta hoxe con 58 membros no sector turístico compostelán- reforzou e diversificou a capacidade de "venda" da imaxe da cidade.

Compostela desenvolveu entre 2001 e 2005 o seu Plan de Excelencia Turística (PET) grazas ao convenio asinado o 19 de novembro de 2001 pola Secretaría General de Turismo do Ministerio de Economía, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca e a Cámara de Comercio de Santiago.

A súa xerencia outorgouse á empresa municipal Turismo de Santiago (Incolsa). O orzamento do PET ascendeu a máis de catro millóns de euros, confinanciados polas tres administracións públicas.

Compartir: