MEDIO AMBIENTE

A Deputación da Coruña comprométese a colaborar no financiamento da Vía Verde Santiago-Cerceda

04/07/2017 A Deputación da Coruña vén de asumir o compromiso de achegar os preto de 40.000 euros que custará a redacción do proxecto da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo sobre a antiga vía do ferrocarril que unirá Santiago e Cerceda. Foi no transcurso dunha reunión entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e representantes dos concellos implicados, entre eles o concelleiro compostelán de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O proxecto da Vía Verde xurdiu en 2008, implicando os municipios de Santiago, Ordes e Oroso, e o Goberno compostelán recuperouno neste mandato incorporando os concellos de Tordoia e Cerceda. Deste xeito, o itinerario verde terá unha extensión de 36,5 quilómetros.

No pasado mes de xuño, os alcaldes dos municipios implicados no proxecto subscribiron un protocolo de colaboración, solicitando a ADIF a cesión dos treitos afectados e mostrando a súa disposición a asumir a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura. Pola súa parte, o Concello de Santiago suscribiu no pasado abril un acordo marco de colaboración coa Fundación dos Ferrocarriles Españoles, propietaria da marca rexistrada "Vía Verde", para a actualización e ampliación do proxecto de construción da Vía Verde.

Á reunión celebrada onte na sede da Deputación Provincial asistiron tamén os alcaldes de Oroso, Manuel Mirás; Cerceda, José García Liñares, e Ordes, José Luis Martínez, e a concelleira de Tordoia Inés Santos.

Compartir: