FACENDA

Máis de 280 propostas poderán ser validadas pola veciñanza na 2ª fase dos Orzamentos Participativos

04/07/2017 A concelleira de Economía e Facenda deu conta hoxe dos resultados da primeira fase do proceso de Orzamentos Participativos 2018, que finalizou o pasado venres 30 de xuño. María Rozas explicou que "en total foron presentadas 371 propostas, das cales son válidas 283, que agora deberán ser validadas nunha segunda fase que rematará o 31 de xullo".

O obxectivo desta fase, que nace no proceso de Orzamentos Participativos deste ano, pasa por reducir a 20 o número de propostas por cada unha das áreas(140 en total) que se poderán votar na fase final. Como indicou a concelleira, "trátase dunha das cuestións que nos propuxeron no proceso do ano pasado e que introducimos como mellora este ano".

En total rexeitáronse 86 propostas por tres motivos fundamentais: ou non eran investimentos, ou eran propostas moi semellantes a outras xa incorporadas ou ben relacionábanse con áreas que non participan no proceso deste ano e que, como lembrou María Rozas, "son de carácter rotativo". Aínda así, este ano incrementouse a participación nun 33% e reduciuse o número de propostas non válidas, o que pode ser debido ao maior grao de coñecemento do proceso.

"As propostas rexeitadas non poden participar no proceso de Orzamentos Participativos, pero serán tidas en conta polo Goberno municipal como demandas concretas da veciñanza", indicou.

Parques biosaudables e sendas peonís
Do total das propostas presentadas cómpre destacar aquelas relacionadas coa mellora e dotación de centros socioculturais e a construción de parques biosaudables e de beirarrúas e sendas peonís. Estas propostas concentran case o 50% das presentadas.

Por área temática, 49 propostas foron as presentadas en Mocidade e 38 nas festas do Apóstolo, entre as que destacan actividades de tipo cultural ou de ocio. No que se refire aos investimentos, 42 propostas son as da área Municipal, 42 urbana norte, 29 urbana sur, 38 rural norte e 45 rural sur.

As propostas no eido municipal están relacionadas sobre todo con deportes e creación de espazos verdes, así como con demandas de mobiliario urbano. Nos barrios norte e sur da cidade están máis vinculadas á humanización de diferentes áreas, á colocación de illas de compostaxe ou a demandas relacionadas coa instalación semafórica. Pola contra, no rural obsérvanse demandas que xa teñen sido trasladadas polo asociacionismo veciñal e pola veciñanza a título particular en varias ocasións. "Son as relativas a saneamento e abastecemento, reforma dos centros sociais ou construción de máis parques infantís", apuntou María Rozas.

Fase de apoio
Dende o pasado venres e ata o 31 de xullo está aberta a fase de apoio e validación das propostas, fase da que sairán un total de 20 propostas por cada unha das áreas, ata sumar 140. Poderase facer de forma telemática ou presencial acudindo ás asembleas que terán lugar a partir do 10 de xullo en varios centros socioculturais do municipio.

Direccións relacionadas



Compartir: