FACENDA

Remata o prazo para presentar propostas aos orzamentos participativos Compostela Decide

30/06/2017 Hoxe venres ás 23:59 a plataforma decide.santiagodecompostela.gal pechará a fase de achegas de ideas para os orzamentos participativos Compostela Decide. Ata esa hora, calquera persoa con 16 anos cumpridos pode facer propostas de investimentos e de actividades aos orzamentos participativos (non é preciso estar empadroada ou empadroado para propoñer).

As persoas empadroadas ou estudantes poden rexistrarse en
decide.santiagodecompostela.gal e propoñer as súas ideas no formulario destinado a tal efecto. As persoas non empadroadas deben enviar un formulario de inscrición e un formulario por cada proposta ao correo electrónico decide@santiagodecompostela.gal. Por último, as asociacións poden achegar as súas propostas mediante un formulario que enviarán ao mesmo correo electrónico.

Este é o segundo ano consecutivo (terceiro no caso da área de Mocidade) no que os veciños e veciñas da capital galega poden propoñer e decidir de maneira directa a que destinar unha parte do orzamento municipal, un total de 1,5 millóns de euros distribuídos en catro áreas específicas -Urbana Norte, Urbana Sur, Rural Norte e Rural Sur- e unha xenérica, a área Municipal. Tamén se poden facer propostas de actividades para as Festas do Apóstolo de 2018 ou dirixidas á Mocidade (entre 16 e 35 anos).

Comisión de Seguimento
A Comisión de Seguimento dos orzamentos participativos reuniuse onte, xoves, para dar conta e analizar o estado das propostas do ano pasado. Á cita acudiron algunhas das persoas integrantes do Grupo motor dos orzamentos participativos, o director da Área de Urbanismo, o xefe de Parques e Xardíns, a economista da Oficina Orzamentaria, os concelleiros e concelleiras responsables das áreas e edís do PP, do PSdeG-PSOE e do BNG.

Os pregos para un dos proxectos máis votados pola cidadanía o ano pasado, os parques infantís cubertos, están xa en tramitación administrativa. Está previsto que esta actuación se realice no parque infantil de Fontiñas e no parque do Castiñeiriño (a carón do campo da festa). Tamén está redactado o proxecto para a implantación de luminarias LEDS, outra das achegas máis votadas, por importe de 100.000,00, nos pavillóns deportivos de Pontepedriña, de Vite e do Restollal.

Fase de apoios
Os orzamentos participativos entran a partir de agora, e ata o 31 de xullo, na fase de Apoios. Para que unha proposta pase á seguinte etapa, a de avaliación técnica, deberá ser apoiada antes pola cidadanía. As persoas empadronadas en Santiago poden apoiar todas as propostas que consideren necesarias para a súa área, para o conxunto do municipio, para as Festas do Apóstolo e, se son menores de 35 anos ou estudantes, para as actividades dirixidas á mocidade.

Nesta fase celebraranse cinco encontros que servirán para deliberar, para que as persoas que queiran falar sobre as súas propostas e defendelas poidan facelo, e tamén para emitir os apoios de forma presencial. A primeira cita, dirixida á xente da área urbana Norte, será o 10 de xullo no centro sociocultural de Vite ás 20:00 h.

Compartir: