EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello inicia o proceso de licitación dos comedores escolares

29/06/2017 A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o inicio da licitación do servizo de comedores e madrugadores para os vindeiros dous cursos escolares.

Os pregos do Concello de Santiago son un modelo para outros consistorios de Galicia, como o de Lugo, que baseou o seu concurso de comedores no que dende o Concello se inicia hoxe. O servizo incorpora unha serie de melloras solicitadas polas Anpas en numerosas reunións mantidas durante todo o ano e continuará contemplando as incorporadas o ano pasado como a xuntanza trimestral da Comisión Tripartita formada por concesionaria, Anpas e Concello para valorar a calidade do servizo.

Melloras
Entre as melloras deste ano destacan a redución da distancia ás cociñas, unha maior rotación nos menús e a aposta pola utilización de produtos locais e de proximidade na elaboración dos mesmos. Ademais, o Concello mantén a achega de 80.000 euros incorporada ao ano pasado e que permitirá reducir o prezo que sufragarán ás familias. Esa achega súmase aos 80.000 euros transferidos pola Xunta para que sexa o Concello quen xestione esta competencia de carácter autonómico e tamén ás bolsas de comedor escolar que ascenden a 360.000 euros e permitirán o acceso aos comedores ás familias con menos recursos.

Compartir: