CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os grupos de teatro dos Centros Socioculturais mostrarán o seu traballo no Principal

22/06/2017 O Teatro Principal acollerá do 27 ao 30 de xuño a Mostra de Teatro organizada pola rede de Centros Socioculturais. O ciclo foi presentado hoxe pola concelleira Concha Fernández, que salientou "a gran oportunidade que supón para os grupos de teatro afeccionado poder participar neste certame, e o especial que é para eles actuar no escenario máis emblemático de Compostela".

A concelleira de Centros Socioculturais explicou que "é a primeira vez que se organiza unha mostra destas características, nas que todos os grupos de teatro dos centros poden mostrar o seu traballo no Principal". Concha Fernández destacou a participación de todas as formacións vinculadas á rede, un total de oito procedentes dos centros de Santa Marta, O Ensanche, A Rocha, O Castiñeiriño, Marrozos, As Fontiñas, Conxo, e Vite. Cada un deles teñen unha media de entre doce e quince integrantes.

Oportunidade única para os actores e actrices
O coordinador dos grupos de teatro dos Centros Socioculturais, Roberto Casal, explicou que todos os actores e actrices están moi ilusionados por poder actuar no Teatro Principal "porque é un referente para todos os que nos dedicamos a isto e para o conxunto da cidadanía de Compostela". Tamén quixo poñer en valor o traballo dos grupos de teatro amador "que son os que permiten que moitos nenos e nenas sigan sendo aficionados ao teatro no futuro".

Doce espectáculos en catro días
Do 27 ao 30 de xuño poderanse ver no Principal doce montaxes, a cargo dos grupos de teatro de oito centros socioculturais distintos. En cada xornada haberá dúas sesión: unha con grupos infantís e xuvenís ás seis da tarde, e outra con grupos de adultos ás 20.30 horas.

A Mostra de Teatro abrirase cos grupos xuvenís dos centros socioculturais de Santa Marta e o Ensanche. O primeiro porá en escena "A Galiña Azul", baseado nun texto de Carlos Casares, mentres que o espectáculo do CSC do Ensanche leva por título "Noticias TV Plin 2. O Regreso". No martes 27, a sesión dos grupos adultos correrá a cargo do Local sociocultural da Rocha, con "Xogo de Damas".

No mércores 28 de xuño, ás 18.00 subirase ao escenario do Teatro Principal o grupo do CSC do Castiñeiriño, con "Meteoro", mentres que ás 20.30 horas representarase "…e din que chove", co grupo do CSC de Santa Marta.
No xoves 29, o protagonismo na sesión infantil e xuvenil será para o grupo do Local sociocultural de Marrozos, que representará dúas obras: "O autobús", e "A casa de Bernarda Alba". Na sesión das 20.30 horas, poderemos ver "O último baile", co grupo do CSC As Fontiñas.

Na última xornada da Mostra, o venres 30 de xuño, haberá tres propostas do grupo de teatro do CSC de Conxo a partir das 18.00 horas: "Nadarín", "Un día no parque", e unha montaxe de danza. O programa pecharase ás 20.30 co grupo do centro sociocultural de Vite, que porá en escena "Lisístrata".
Os espectáculos serán de entrada libre ata completar aforo.

Compartir: