ALCALDÍA

Compostela e Barcelona estreitan lazos coa inauguración da nova avenida dedicada á Cidade Condal

11/12/2006 Os alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Barcelona, Jordi Hereu i Boher, inauguraron esta mañá a Avenida de Barcelona. O acto serviu para reafirmar a unión e amizade entre estas dúas cidades, irmandadas dende 1970.

O rexedor barcelonés afirmou sentirse "agradecido e honrado" pola elección de Barcelona para dar nome a unha rúa compostelá. Referiuse ás "razóns históricas" dos lazos entre Santiago e a Cidade Condal, pero tamén a "razóns de presente e de futuro". "Únennos conceptos como Europa, a apertura ao mundo ou a defensa do casco histórico", apuntou.

Jordi Hereu indicou que ámbalas cidades teñen como feito común "a identidade e a modernidade". Así mesmo, aludiu aos "moitos cidadáns galegos que están desenvolvendo a nosa cidade". Finalmente, comprometeuse a buscar un espazo na cidade para darlle o nome de Compostela.

Destes cidadáns galegos tamén falou o alcalde compostelán, definíndoos "coma unha ponte permanente entre as dúas cidades, ao igual que o é a gran cantidade de visitantes cataláns e barceloneses que chegan cada ano a Santiago". Sánchez Bugallo dixo tomar como modelo a Barcelona "na combinación da conservación do patrimonio coa inclusión do moderno, algo no que é unha referencia internacional moi útil".

O alcalde de Santiago tamén quixo poñer como referente para a capital galega as Olimpiadas de 1992, "un exemplo de como aproveitar as oportunidades para conseguir a cidade que queremos ter".

Jordi Hereu foi recibido antes do acto de inauguración da avenida no Pazo de Raxoi. Alí asinou no Libro de Honra da cidade y saudou aos voceiros municipais. Posteriormente desprazáronse todos ata a Avenida de Barcelona, onde se descubriu una placa conmemorativa e se plantou unha camelia no parque da urbanización.

Ademais das autoridades locais, asociacións veciñais e veciños da nova rúa, especialmente invitados polo Concello de Barcelona, asistiron ao acto os galegos residentes na capital catalá Luís Lamas, da Federación I. Hogar Galego; Eduardo Méndez, vicepresidente de Saudade; Moncho Ramos, de Amigos de Sargadelos; Ramón Rey, da Asociación San Froilán; Asensio Castro, de Toxos e Xestas; Domingo Balboa, da Asociación Cova da Serpe; e Iolanda Díaz, da Asociación O’Penedo Fogar Galego.

Compartir: