POLÍTICAS SOCIAIS

Asinados seis novos convenios con entidades sociais por importe próximo a 200.000 euros

21/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, asinou esta mañá un novo lote de convenios con entidades sociais da cidade. Neste caso foron seis as entidades convocadas: Agadea, Cáritas, Alcer, Cruz Vermella, Escola de Tempo Libre "Don Bosco" e Médicos do Mundo. A contía dos convenios ascendeu a 193.000 euros e con estes son xa medio millón de euros os destinados a apoiar as entidades sociais da cidade.

A Asociación Galega para a axuda dos enfermos con demencia tipo Alzheimer (Agadea) levará a cabo con este convenio de 3.000 euros o seu programa Gea-Grupo de Envellecemento Activo que está encadrado dentro das denominadas terapias non farmacolóxicas. O obxectivo deste programa é o de "Estimular a nivel cognitivo, funcional e social a persoa con deterioro cognitivo moi leve ou sen deterioro a través de actividades específicas". Con este programa beneficiaranse aproximadamente 10 usuarios e usuarias.

Pola súa banda Cáritas poderá seguir desenvolvendo o seu programa de Atención Primaria ao que o Concello dedica 100.000 euros. Permite atender as persoas en risco de exclusión social, tratando de dar resposta a calquera demanda social que teñan. Está previsto atender un total de 2.000 persoas durante o ano 2017.

A Asociación de Loita contra as enfermidades de ril da Coruña, Alcer, resultou hoxe beneficiaria de 2.000 euros grazas a este convenio asinado co Concello para desenvolver o seu programa "Bule con Alcer" de actividade física e psicosocial para as persoas con enfermidade de ril. Trátase dun proxecto psicosocial a través do exercicio físico, o cal busca mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades crónicas nos eidos sociais e físicos. Poderase beneficiar calquera persoa con algún tipo de enfermidade de ril.

O convenio coa Escola de Tempo Libre "Don Bosco" está dotado de 3.000 euros que serán moi útiles para desenvolver o proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre "Un lugar para ti". Está dirixido a rapaces e rapazas de entre os 4 e os 17 anos coa idea de facer do tempo libre unha ferramenta educativa e de adquisición de diferentes valores, espazo para o desenvolvemento de actividades que fomenten a convivencia, tolerancia dentro dun contexto atractivo e divertido para eles.

No caso de Médicos do Mundo, o importe do convenio ascende a 10.000 euros que servirán para desenvolver o proxecto de achegamento ao sistema sanitario para persoas migrantes en Santiago, dende unha perspectiva de defensa dos dereitos humanos e xénero. Podeŕan beneficiarse 3.739 persoas estranxeiras para favorecer o cumprimento do dereito á saúde, recoñecido na Carta de Dereitos Humanos, da poboación migrante no concello de Santiago de Compostela do 1 de Xaneiro o 31 de outubro.

Finalmente, un dos convenios máis potentes é o asinado con Cruz Vermella que está dotado con 75.000 euros e permitiranos continuar cunha das acción do Plan de Atención ás Persoas sen fogar posto en marcha en 2015. Así, con este convenio manteranse os equipos de rúa, que veñen realizando diversas rutas semanais atendendo as necesidades psicosociais das persoas con maior vulnerabilidade social do noso Concello. A maiores, este convenio manterá os programas que xa se veñen realizando durante máis anos como o programa de teleasistencia domiciliaria, o programa de prevención do deterioro cognitivo, o programa de fomento da autonomía das persoas maiores no domicilio e o programa de promoción da participación das persoas maiores no seu entorno.

Compartir: