MOCIDADE

Cinco espazos de Compostela acollerán o ciclo de "Cine ao aire libre"

21/06/2017 A concelleira de Deporte, Mocidade e Benestar Animal, Noa Morales, deu conta esta mañá dunha nova actividade da concellería de Mocidade froito do proceso de Orzamentos Participativos de 2017. Trátase do "Cine ao aire libre", unha acción presentada polo grupo Scout Chan 292. Na rolda estivo acompañada polos responsables da iniciativa, Laura Morales, Pablo Ávila e Víctor Sanabria.

Este ciclo de cine ao aire libre dará comezo o vindeiro 27 de xuño e as proxeccións terán lugar a partir das 22,00h en diversos espazos da cidade. Salvo a película coa que se inaugurará o ciclo, Los mundos de Coraline, que foi elexida pola entidade propoñente, o resto elixiranse, dentro dunha total de 12 títulos, a través do Facebook da Concellería de Mocidade.

O prazo de votación remata este venres 23 de xuño e as películas para elixir son: O libro da Selva, The Blues Brothers, Annie Hall, Avatar, Azur et Asmar, Regreso ao futuro, Boyhood, o Clube dos poetas mortos, Cadea de favores, A invención de Hugo, Intocable e Wall- E.

Horarios
O ciclo dará comezo o vindeiro martes 27 de xuño, no parque san Xoán en Vista Alegre coa proxección de Los mundos de Coraline. Continuará o martes 4 de xullo no Paseo Central da Alameda, o martes 11 de xullo na Praza de Praterías, o día 18 no Parque de Belvís e o 26 no de Bonaval. Para o caso do Parque de Belvís non haberá cadeiras así que se recomenda traer unha manta ou toalla para sentarse no chan.

Compartir: