CULTURA

O Auditorio comeza unha nova etapa da man de Xaquín López

20/06/2017 O novo director-xerente do Auditorio de Galicia avanzou hoxe a súa intención de mellorar as estratexias de relación do organismo, "apostando por un modelo máis relacional no que se teñan en conta as necesidades dos públicos e no que se garanta a accesibilidade de todos e todas á programación cultural". Foi no transcurso dun encontro cos medios de comunicación no que Xaquín López estivo arroupado polo alcalde.

Martiño Noriega explicou que Xaquín López ven de tomar posesión do seu cargo de director-xerente do Auditorio "despois de ser a persoa seleccionada nun proceso participado polo que o Goberno quixo apostar malia a que podería ter optado pola libre designación". O alcalde explicou que foi un procedemento "no que houbo moitas candidaturas, de persoas que ocupan cargos de responsabilidade no eido cultural, e co que se quixo garantir a mellor elección posible para lle dar un novo pulo ao bo traballo que ven desenvolvendo o Auditorio nestes anos".

Liñas estratéxicas de actuación
Xaquín López tamén quixo recoñecer "o traballo que ven desenvolvendo o equipo do Auditorio dirixido por Silvia Modia, ao que é preciso darlle un novo impulso". O novo responsable do Auditorio lembrou que no proceso de selección tivo que presentar un proxecto "no que fixaba unhas liñas estratéxicas para os próximos anos, e que agora estamos adaptando con todo o equipo do Auditorio para incorporar a diagnose interna da situación".

En todo caso, incidiu en que unha das súas principais liñas de actuación terá que ver "coa implantación dun novo modelo máis relacional no que se teñan en conta as necesidades do público e se garanta a accesibilidade de todos e todas á programación cultural".
No que ten que ver coa programación, Xaquín López explicou que "xa está practicamente pechado o calendario ata decembro, polo que as novidades empezaranse a notar máis de cara a 2018".

Papel central no ecosistema cultural
O novo director-xerente remarcou que "o Auditorio ten que seguir xogando un papel central no ecosistema cultural de Santiago", e ratificou a súa vontade de establecer pontes de diálogo e coordinación con outros axentes culturais da cidade. Tamén mostrou o seu desexo de "darlle o mesmo valor a todas as disciplinas artísticas, porque todas teñen o seu espazo en Compostela". Por último, Xaquín López apostou pola cultura feita en Galicia "porque Santiago ten a responsabilidade de ser o escaparate das propostas que chegan desde o propio país".

Proceso de selección
Xaquín López González é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, e ten unha longa experiencia relacionada coa dirección e xestión de proxectos culturais. Ata o de agora era o produtor executivo dos espazos culturais de Ferrol, en concreto do Teatro Jofre, o Auditorio e o Centro Torrente Ballester.
Previamente ocupouse das funcións de organización e difusión de eventos culturais do posto de Lector de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona, e realizou traballos tanto para o Auditorio de Galicia como para Julio Perugorría Producciones.

A designación de Xaquín López González como novo director-xerente do Auditorio é o resultado dun proceso de selección no que se formou un comité de avaliación presidido polo alcalde e integrado tamén pola xerente do Consorcio, a vicerreitora de Cultura da USC, un representante do Consello da Cultura Galega, e expertos en artes escénicas e visuais.

Compartir: