ALCALDÍA E IGUALDADE

O Concello súmase á Plataforma Feminista Galega e reclama 120 millóns de euros para loitar contra as violencias machistas

19/06/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e varios concelleiros e concelleiras da corporación sumáronse esta mañá á convocatoria estatal da Plataforma Feminista Galega para pedir fondos para loitar contra as violencias machistas.

O Concello quere sumarse así a esta convocatoria que busca reclarmarlle ao goberno central o investimento de 120 millóns de euros para a elaboración dun verdadeiro Pacto de Estado contra as violencias machistas.

A portavoz da Plataforma, Paula Ríos, denunciou que "a partida actual de 31 millóns de euros non é suficiente porque non inclúe prevención da violencia no eido educativo ou violencia sexual". A maiores, Ríos avanzou que "levamos neste 2017 un total de 41 mulleres asasinadas, dúas delas en Galicia, e 13 crianzas. Isto amosa, continuou "que a violencia machista se convertiu nunha cuestión de Estado que afecta á metade da poboación e é causa estrutural da desigualdade entre homes e mulleres".

Moción
Os membros da Plataforma Feminista Galega veñen ademais de rexistrar unha moción no Concello para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno que busca instar ao Goberno do Estado a que dedice eses 120 millóns de euros na loita contra as violencias machistas.

O Concello de Santiago colocou durante o día de hoxe no balcón do Pazo de Raxoi unha faixa de Compostela en Negro para acompañar os actos que durante toda a xornada teñen previsto realizar dende a Plataforma Feminista. Ás 20.30 horas concentraranse na Praza do Obradoiro con tixolas e cacerolas.

Compartir: