CONVIVENCIA

A Policía Local constata que moitos pais e nais utilizan incorrectamente os Sistemas de Retención Infantil

19/06/2017 A Policía Local controlou 243 menores na campaña de vixilancia do uso dos Sistemas de Retención Infantil, e o 30 por cento deles estábanos utilizando de xeito incorrecto. Os principais erros detectados foron os de nenos e nenas que levaban os arneses demasiado frouxos, ou aos que lles saía a cabeza por riba da cadeira. Tamén foron localizados catro menores sen utilizar ningún sistema de seguridade.

A Policía Local constatou que a maioría das nais e pais utilizan os Sistemas de Retención Infantil, pero son moitos os que o fan de xeito inadecuado. Na campaña foron controlados 180 vehículos, entre eles tres furgonetas, nos que viaxaban 243 menores. Destes, 225 utilizaban cadeiras específicas, e os outros 18 cintos de seguridade.

Principais incidencias
As principais incidencias detectadas foron arneses frouxos, en 46 casos, e cadeiras pouco acaídas para os nenos e nenas que as utilizaban porque lles saía a cabeza por riba, en 18 casos. A Policía Local tamén deu con dous menores que deberían viaxar en cadeiras do Grupo 1 viaxando en Grupo 2; e cun menor que viaxaba nun capazo coa cabeza orientada cara a porta. Ademais, catro menores viaxaban sen utilizar ningún sistema de retención.

Escaso uso das cadeiras a contramarcha
Na campaña da Policía Local tamén quedou constatado que as nais e pais seguen sendo contrarios a utilizar os Sistemas de Retención Infantil "a contramarcha", malia a ser o xeito máis recomendado e máis seguro para os nenos e nenas. Dos 243 menores controlados, só 17 viaxaban no sentido contrario á marcha.

En canto á localización das cadeiras, só catro menores utilizaban o asento traseiro central, que é o máis seguro. A maioría, 141, viaxaban no asento situado detrás do copiloto, e 95 ían detrás do condutor.

Charla informativa
Ademais da vixilancia e control a pé de rúa, a Policía Local impartiu unha charla informativa na Aula de Formación do CHUS á que asistiron 22 persoas, entre pais, nais, avoas e embarazadas. Durante a sesión, o departamento de Educación Viaria da Policía Local e unha asesora de puericultura explicaron por qué o mellor xeito de levar aos nenos e nenas é "a contramarcha", e cal é o mellor lugar do vehículo para colocar as cadeiras. Tamén se informou da normativa actual e dos distintos grupos de Sistema de Retención Infantil existentes, e fíxose unha demostración práctica de cómo se utilizan os diferentes modelos dispoñibles.

Compartir: