CULTURA

O Auditorio acolle a segunda edición do concerto solidario "Implícate"

07/12/2006 Artistas como Rosa Cedrón, Deluxe, Avalon, Isga Collective, Inquedanza, María Reimóndez, Chévere, Carlos Blanco, Emma Couceiro, Lucía Aldao, Rosa Aneiros, Álvarez Cáccamo ou Antía Otero daranse cita no Auditorio de Galicia o sábado 16, ás 20:00 horas , para participar no "Implícate! Noite de música e palabra solidaria", organizado por Implicadas no Desenvolvemento (IND) e co que colabora o Concello de Santiago. A gala será presentada por Yolanda Castaño e Paco Lodeiro.

O obxectivo deste evento, no que os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade. O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega, invitar ao público "a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara". Os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de IND.

Dende IND crese que "só cambiando as raíces da pobreza cambiaremos a situación de millóns de persoas, e iso implica cambiar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa. Pensamos que os pobos teñen dereito a decidir sobre os seus designios e que as persoas teñen dereito a vivir con dignidade, e por iso traballamos man a man coas organizacións cívicas do sur e coas comunidades empobrecidas para que desenvolvan as súas capacidades. E sabemos que o desenvolvemento da humanidade pasa por erradicar a primeira desigualdade, a de xénero, e por iso no noso traballo queremos dar voz e capacitación ás mulleres para que poidan decidir sobre as súas vidas e para que se respecten os seus dereitos".

As entradas para "Implícate!" xa están á venda, e pódense mercar a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web e do teléfono 902 43 44 43), no propio Auditorio de Galicia, ou na tenda de comercio xusto Crisol de Vigo (Avda. das Camelias, 14). O prezo é de 10 euros a entrada xeral, 6 euros para estudantes e 3 euros para nenas e nenos menores de 12 anos.

Compartir: