PLENO

A Corporación municipal aproba por unanimidade o novo regulamento do Pleno

15/06/2017 A Corporación municipal aprobou esta tarde, por unanimidade, o novo regulamento do Pleno, que ten como obxectivo "facer del un instrumento máis áxil e participativo". Así o explicou a concelleira Marta Lois, encargada de defender a proposta que xa recibira luz verde previamente da Xunta de Goberno.

A redacción do novo regulamento, que substitúe ao que entrou en vigor en 2007, é o resultado do traballo dunha comisión na que estiveron representados os catro grupos da Corporación municipal. Aínda que o texto fora acordado, PP e PSOE trataron de introducir finalmente cadansúa modificación, que non saíron adiante porque a Corporación aprobou as emendas presentadas ao respecto polo grupo de Compostela Aberta. A modificación do Partido Popular tiña o obxectivo de suprimir a quenda de intervención do alcalde, mentres que a do PSOE referíase aos puntos relativos á presentación de emendas aos orzamentos municipais.

Plenos máis áxiles e participativos
Os catro grupos da Corporación coincidiron na necesidade de modificar o actual regulamento, despois de dez anos de vixencia. As principais modificacións teñen que ver coa limitación do número de iniciativas que se poden levar a cada sesión, así como a rebaixa dos tempos que se poden destinar a cada intervención. Deste xeito, o tempo máximo de duración do pleno pasará dos más de mil minutos actuais a 470, sempre que se esgoten as quendas. Ademais, o novo regulamento inclúe a figura da interpelación, de xeito que as sesións serán máis áxiles e participativas.

Tamén en relación á participación, modificouse o sistema actual polo que a veciñanza que participa no Pleno en relación ás mocións presentadas polos distintos grupos ten que agardar moitas veces horas para o debate dos textos correspondentes.

Outros dos aspectos valorados polos grupos foi a decisión de incorporar automaticamente como preguntas orais no Pleno as preguntas escritas que non sexan respondidas polo Goberno.

Despois da aprobación inicial do novo regulamento do Pleno, o texto debe ser sometido a exposición pública por un prazo de 30 días. De non haber alegacións, o regulamento quedaría aprobado definitivamente de xeito automático.

Compartir: