ALCALDÍA

TerraZeando leva de novo a música ao vivo a lugares singulares da cidade

15/06/2017 O Concello de Santiago volve colaborar este ano co TerraZeando, un ciclo organizado polo colectivo Desconcierto Cultural que pretende aproveitar lugares especiais de Compostela como escenarios para a música en directo. O alcalde, Martiño Noriega, e o secretario da asociación, Álvaro Álvarez, presentaron este xoves o programa desta sexta edición, que se celebrará do 29 de xuño ao 27 de xullo.

O alcalde mostrou a satisfacción do Goberno por poder colaborar neste programa, que "leva seis anos mostrando que as terrazas, os parques ou outros espazos singulares poden ser escenarios inmellorables para a celebración de concertos e poden dar lugar a noites inesquecibles". Martiño Noriega explicou que "é o segundo ano consecutivo no que participamos nesta iniciativa, cada vez máis agardada polo público".

Nesta sexta edición de TerraZeando están previstos cinco concertos noutros tantos escenarios. O primeiro deles será na Finca do Espiño o próximo día 29, e reunirá os grupos Alto Volta, de Valga, e Me And The Bees, de Barcelona.

O 5 de xullo, o ciclo trasladarase ao Bar Olvido para o concerto da banda Zebra Hunt, chegada dende Seattle (USA), mentres que os portugueses Stone Dead actuarán no NH Collection o 12 de xullo. Unha semana máis tarde, o 19 de xullo, será a vez do trío madrileño CVEEC, que actuará no Hotel Costa Vella. O último dos concertos do TerraZeando será o 27 de xullo no xardín do Pazo de Amarante, cos composteláns Montelouro e The Wheels, unha banda chegada dende Palma de Mallorca.

Todos os concertos serán gratuítos. Iso é posible grazas ao traballo desinteresado dos socios de Desconcierto Cultural, ao apoio do Concello e aos patrocinadores do evento (SON Estrella Galicia, Vermú Lodeiros e Grupo Reboreda Morgadío. Tamén colaboran co festival o Hotel Costa Vella e MASGALICIA.

Desconcierto Cultural
Desconcierto Cultural é unha asociación cultural sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico, con preto de 180 socios espallados por Galicia e o mundo adiante. Nacida en 2010, a Asociación é responsable de distintas iniciativas que tratan de dinamizar a escena musical galega, tanto apoiando a bandas autóctonas na difusión dos seus proxectos, como acercando a Galicia propostas estatais e internacionais ás que non é doado acceder a través das canles convencionais. Deste xeito, a Asociación ten desenvolvido proxectos coma os festivais CortaPega, Primos Hermanos ou a Romaría Pop; ou os ciclos TerraZeando, Placeres Ocultos ou Recreios.

Compartir: