MOCIDADE

"Elas tamén pintan" quere visibilizar as mulleres que traballan na arte urbana

15/06/2017 A concelleira de Deporte, Mocidade e Benestar Animal, Noa Morales, presentou esta mañá a iniciativa Elas tamén pintan, xurdida do proceso de Orzamentos Participativos do 2017. Na rolda estivo acompañada das catro mozas responsables da iniciativa: Clara Rodríguez, Diana Rodeiro "Nana", Lara Torres e Eva Agra.

A concelleira destacou que se trata dunha actividade que "pretende dar visibilidade e recoñecemento ás mulleres que traballan na arte urbana e no contexto do graffiti, un territorio que continúa sendo fundamentalmente masculino e do que xorden nomes de mulleres que son unhas auténticas artistas". De feito, Noa Morales lembrou outras iniciativas semellantes que se desenvolveron dende o Concello como o proxecto R.Ú.A.S ou Muralismo en Compostela, propostos dende as concellarías de Medio Ambiente e de Políticas Sociais, respectivamente.

Aposta pola igualdade
Iso si, esta iniciativa aínda sendo a terceira que ten a arte urbana como eixe, é a primeira que se desenvolve dende unha óptica feminista. Ademais de dar visibilidade a estas artistas locais, tamén se quere amosar a existencia de numerosas mulleres dedicadas á pintura mural, así como transformar artisticamente a nosa contorna mediante unha serie de obradoiros dirixidos especificamente á mocidade de Compostela, no que se anime especialmente ás mozas a ver a cultura da arte urbana como un espazo no que elas tamén teñen moito que dicir.

O obradoiro, que comezará o próximo xoves 22 no Centro Xove de Creación Cultural, non ten custe de inscrición, e terán prioridade na mesma as mozas e mozos empadroados en Compostela, se ben se atenderán outras solicitudes de non cubrirse as prazas dispoñibles.

Datas e horarios dispoñibles:

Bloque 1
22, 29, 30 de xuño e 6, 7, 13 e 14 de xullo

Grupo 1: 16 a 18 h
Grupo 2: 18 a 20 h

Bloque 2
Grupo 1A: 20 e 21 de xullo de 10 a 14 e de 16 a 20 h
Grupo 2A: 22 e 23 de xullo de 10 a 14 e de 16 a 20 h
Grupo 2B: 27 e 28 de xullo de 10 a 14 e de 16 a 20 h
Grupo 1B: 29 e 30 de xullo de 10 a 14 e de 16 a 20 h

Compartir: