CENTROS SOCIOCULTURAIS

A música de Jamila Purofilin chega aos centros socioculturais da man do Concello e da SGAE

15/06/2017 A artista cubana afincada en Santiago Jamila Purofilin ofrecerá catro concertos noutros tantos centros socioculturais, grazas á colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación SGAE. O ciclo de actuacións foi presentado hoxe en rolda de prensa pola concelleira responsable dos Centros Socioculturais, Concha Fernández, e pola coordinadora de socios da SGAE, Belén Yáñez.

Concha Fernández explicou que este ciclo de concertos nace co obxectivo de "levar aos centros socioculturais actividades distintas ás que se programan habitualmente, e que tamén son unha achega a outras culturas"

Grazas á colaboración coa SGAE, Jamila actuará mañá mesmo, ás oito e media da tarde, no Centro Socicultural "Aurelio Aguirre" de Conxo. O día 23 de xuño visitará o local de Lavacolla e o 30 de xuño estará no CSC "José Saramago" de Vite. A última actuación do ciclo será o 8 de xullo, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Musicando a Julio Cortázar
Jamila Purofilin é unha cantante cubana, nacida na Habana, que reside en Compostela. O seu repertorio está próximo ao world jazz, e ten percorridos numerosos escenarios de todo o Estado cos seus boleros e coas cancións reunidas en espectáculos como Saudade do Machín, De Machín a la Nueva Trova ou Bolerista en viaje. O traballo que presentará na rede de centros socioculturais será Julio Cortázar Songs, resultado de poñerlles música aos poemas do escritor arxentino.

O selo Aqua Records editou o disco Julio Cortázar Songs. Tributo Jamila Purofilin, e un dos seus maxi singles recibiu á axuda da Fundación SGAE á creación de músicas populares e a axuda á difusión internacional da música. Outro dos seus temas integrou a banda sonora de Radio 3-RNE para o Mundial de Fútbol de Brasil. A música de Jamila Purofilin está influenciada polo filin cubano, o tango arxentino, o son cubano, a nova trova cubana e o latin jazz.

Compartir: