CONVIVENCIA E BENESTAR ANIMAL

O Concello anima os donos dos animais a seren responsables e recoller os seus excrementos

15/06/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a responsable de Benestar Animal, Noa Morales, presentaron hoxe unha campaña de concienciación que leva por nome "Eu tamén fago cidade". O obxectivo é fomentar unha tenencia responsable dos animais domésticos, sobre todo no que ten que ver coa recollida dos excrementos dos cans nos espazos públicos da cidade.

O concelleiro Xan Duro explicou que a campaña persegue que "a veciñanza se implique para manter a cidade no mellor estado de limpeza, tamén os parques e xardíns". O responsable de Medio Ambiente e Convivencia incidiu nos "danos que os excrementos dos cans e cadelas poden ocasionar nas zonas axardinadas, porque en contra da crenza xeneralizada queiman a herba e non serven de abono".

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social lembrou que "ter un animal como mascota significa ser responsable e cubrir todas as súas necesidades, dende a alimentación ao paseo, pasando polas cuestións hixiénicas". Noa Morales tamén apelou á conciencia da veciñanza para "evitar prácticas incívicas como permitir que os cans e cadelas ouriñen en portais ou portas de comercios".

Sinalización e revista educativa
No marco desta campaña vanse instalar sinais en diferentes espazos onde se ten detectado algún problema relacionado coa falta de recollida dos excrementos dos cans. Tamén se distribuirán carteis informativos por toda a cidade, en particular nos centros socioculturais e educativos.

A campaña complétase cunha revista da que se tiraron 30.000 exemplares. Nela danse algún consellos sobre a tenencia responsable de cans e cadelas e infórmase das sancións que prevé a lexislación actual. Así, non recoller os excrementos da vía pública ou ter aos animais en malas condicións hixiénicas e sanitarias considérase unha infracción leve que pode supoñer multas de entre 100 e 500 euros, mentres que abandonalos, non vacinalos ou maltratalos son infraccións graves que poden supoñer multas de entre 501 e 5.000 euros.

Compartir: