EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"La huerta de Simón", da arxentina Rocío Soledad Alejandro, gaña o X Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados

14/06/2017 A X edición do Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados xa ten gañadora, tal como anunciou o xurado tras a súa última reunión este mércores. Trátase da arxentina Rocío Soledad Alejandro, pola súa obra La huerta de Simón.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, saudou o xurado e puido así inspeccionar a obra gañadora, elixida por que nela "hai unha intención de facer un álbum ideal para nenos e nenas, de principio ao fin". Segundo indica o xurado, "dáse unha progresividade narrativa en todo o álbum. Amosa unha clara intención ecolóxica, unha relación colectiva coa terra. Unha historia aparentemente simple que é universal. Non só se trata de ilustración senón tamén de deseño gráfico, sacando proveito da resolución visual das personaxes. É sinxelo pero non é simple. Moi acertada na contención da cor e na construción da páxina dando múltiples niveis de lectura".

A finalista desta edición do certame foi Diana Sofía Zapata Ochoa, pola obra titulada Distinta, unha "historia rica en cor e procedementos acerca dunha protagonista soñadora en contraste cun mundo rutinario de adultos. Podemos destacar unha composición técnica notable, cun bo uso de imaxes con carga metafórica".

O xurado seleccionou a obra gañadora e a finalista de entre un total de 212 álbums ilustrados, procedentes de 20 países: México, Sri Lanka, Reino Unido, Arxentina, Brasil, Chipre, Colombia, Cuba, Ecuador, Grecia, India, Israel, Italia, Xapón, Noruega, Holanda, Polonia, Portugal, Salvador e España.

Nesta X edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, o xurado estivo presidido polo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, actuando por delegación do alcalde, Martiño Noriega. Como vogais participaron Miguel Calatayud, debuxante e ilustrador de cómics e libros infantís; Teresa Durán, escritora, ilustradora e tradutora; Xabier P. Docampo, mestre, escritor, contacontos, actor de teatro e guionista; Manuela Rodríguez, en representación de Kalandraka Editora; e Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación. Actuou como secretaria a técnica municipal de Educación Beatriz Morales.

Compartir: