CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este xoves un novo concerto no Paraninfo da USC

14/06/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa A Escola na Cidade, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, mañá xoves, 15 de xuño, ás 20:30 horas, os rapaces e rapazas ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia, acompañados pola pianista Simona Velikova. En primeiro lugar actuará a violinista Irene Vilanova, que interpretará a Sonata nº 2 de Eugène Ysaÿe e o Concerto para violín en Re maior de Beethoven. De seguido, o percusionista Álvaro Jurado achegará ao público as obras Tchik, de Nicolas Matynciow, e Ultimatum I, de Živkovic.

A cita concluirá coa actuación da violinista Paloma Diago, que tocará o Concerto para violín nº 1 de Prokófiev.

Este ciclo de concertos remata este venres, cunha nova actuación no Paraninfo da USC, protagonizada por alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.

Compartir: