ALCALDÍA

A Corporación declara o valor da lingua de signos como "garante da equidade, da inclusión e de liberdade"

14/06/2017 O alcalde de Santiago presidiu unha recepción en Raxoi á Asociación de Persoas Xordas de Santiago, con motivo da celebración do Día Nacional da Lingua de Signos Española. No marco deste acto, Martiño Noriega leu unha declaración institucional, subscrita polos catro grupos municipais, na que se afirma "o valor da lingua de signos na educación, como garante da equidade, da inclusión e de liberdade".

A declaración incide na necesidade de incluír a lingua de signos na educación no marco dun "enfoque bilingüe-bicultural baseado no aprendizaxe, coñecemento e uso tanto da lingua de signos como da lingua oral do entorno", para así garantir o acceso de moitos nenos e nenas xordas á educación en condicións de igualdade. Deste xeito, dótase á persoa xorda de "todas as ferramentas necesarias para o pleno desenvolvemento da personalidade e a efectiva participación na vida social, cultural e laboral".

Para facer efectiva esta participación, indicou o alcalde, "cómpre apostar tamén pola normalización do uso do galego nos códigos de comunicación deste colectivo, para que estas persoas se sintan integradas e identificadas co idioma propio do lugar onde viven".

Dereitos e políticas inclusivas
A propósito destas demandas, a declaración avoga porque as administracións tomen conciencia de que "o éxito académico das persoas xordas pasa por atender tamén as súas necesidades e demandas respecto ao desenvolvemento efectivo dos seus dereitos lingüísticos e á promoción desta lingua en España". Así se esixe na Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade e en diversas normativas aprobadas en España nos últimos anos.

Con todo o anterior, dende a Corporación insístese en que "calquera medida que se tome en consideración para avanzar en políticas educativas inclusivas para o alumnado xordo, ten que incorporar de xeito unívoco as linguas de signos, non só como linguas de cultura e de comunicación senón tamén como linguas curriculares, e a imprescindible participación de profesionais xordos".

Documentos relacionados



Compartir: