ALCALDÍA

Unha panadería, unha libraría e un ultramarinos, protagonistas das imaxes gañadoras do #Fotolingua

14/06/2017 O alcalde, Martiño Noriega, visitou este mércores os tres establecementos protagonistas das imaxes premiadas na segunda edición de #Fotolingua, un concurso que ten como obxectivo darlle visibilidade aos comercios que fan uso do galego. Desta vez, nas fotografías gañadoras aparecen a Panadería O Cornecho, a Libraría Chan de Pólvora e o Ultramarinos Algalia.

No seu percorrido, o alcalde visitou en primeiro lugar a Panadería O Cornecho, de Galeras, que aparece na imaxe seleccionada pola organización de #Fotolingua pola súa capacidade para transmitir valores positivos para a nosa lingua. A fotografía foi publicada en Facebook por Sofía Aguirre, que non puido recibir o premio porque non respondeu á mensaxe da organización nos tres días que establecen as bases. Na súa fotografía recollía o cartel da panadería na que se compara a ecuación da equivalencia entre masa e enerxía da Teoría da Relatividade de Einstein coa fórmula para facer unha boa empanada. Os responsables da panadería O Cornecho recibiron de mans do alcalde o distintivo de #Fotolingua.

Ao non poder localizar a autora da fotografía de O Cornecho, o premio na categoría de imaxe seleccionada pola organización foi para Silvia Cristo. Na súa proposta pódese ver o escaparate do Ultramarinos Algalia, que xestiona a propia fotógrafa. Por iso, Martiño Noriega entregoulle tanto o premio do certame, unha cámara de fotos, como o distintivo para a súa tenda.

Por último, o alcalde visitou a libraría Chan da Pólvora, na rúa de San Pedro, que protagoniza a imaxe publicada por Óscar Curros en Instagram, e que foi a que obtivo máis "gústame", un total de 250. O autor da fotografía recibiu unha cámara de fotos, e a responsable da libraría recolleu o distintivo de #Fotolingua para a súa tenda.

Mencións especiais
A organización de #Fotolingua tamén quixo facer mención especial a dúas persoas que participaron no concurso: Xaime Varela Sieiro, por ter enviadas moitas imaxes tomadas na zona do Castiñeiriño e Pontepedriña; e a Chus Acivro, polo grande impacto nas redes alcanzado polas imaxes da súa tenda Acivro Xoias.

Nesta segunda edición do concurso #Fotolingua presentáronse máis dun cento de imaxes, tomadas principalmente por xente nova. O alcalde salientou que "se mellorou o coñecemento do proxecto con respecto á primeira edición do ano pasado e, de feito, case duplicamos o número de fotografías presentadas". As redes sociais do #Fotolingua, Facebook e Instagram, superaron os 900 seguidores, fronte aos 575 da primeira edición do ano pasado.

Compartir: