CONSORCIO

O Consorcio renova a súa colaboración co Programa ConCiencia da USC, ao que destinará 15.000 euros

14/06/2017 O Consorcio de Santiago celebrou este mércores a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Na xuntanza deuse conta da renovación do convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento do Programa ConCiencia 2017, ao que destinará 15.000 euros.

O Consorcio colabora na programación de eventos relacionados coas diversas manifestacións artísticas e ciclos de divulgación científica que teñen lugar na cidade, tratando de consolidar e desenvolver as iniciativas culturais que sosteñen gran parte do crecemento turístico e de prestixio internacional de Compostela.

No marco destas funcións, o Consorcio de Santiago e a USC, conscientes da relevancia da transferencia do coñecemento e da necesaria culturización científica da sociedade, acordaron en 2006 crear o Programa ConCiencia de divulgación científica, coordinado polo profesor de Física Aplicada da USC Jorge Mira. O seu obxectivo é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, á vez que se producen intercambios de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.

O Programa ConCiencia organízase en torno a visitas de científicos de recoñecido prestixio mundial. En 2017 estruturarase ao redor de dous actos principais: un encontro con profesionais e especialistas científicos e, por outro lado, un evento de divulgación científica dirixido ao público en xeral.

Programación de verán da Real Filharmonía de Galicia
No transcurso da reunión tamén se informou da actividade da Real Filharmonía de Galicia para este verán. No mes de xullo celebrarase o VII Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos, e clausurarase, como vén sendo habitual, cun concerto coa RFG. No marco das festas do Apóstolo, a compostelá praza da Quintana acollerá, o 20 de xullo, un concerto da orquestra coa cantante Uxía Senlle, actuación que se repetirá ao día seguinte no Auditorio Mar de Vigo. O día 24 celebrarase o tradicional concerto no Hostal dos Reis Católicos. E no mes de agosto terán lugar dous concertos dentro da 60ª edición do Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela". Ademais, avanzouse na programación da orquestra para a vindeira temporada 2017/2018.

Praza de violoncellista para a RFG e selección de director técnico
Na Comisión Executiva aprobáronse as bases da convocatoria dunha praza de violoncellista tutti para a Real Filharmonía de Galicia, con carácter de interinidade, por substitución temporal dun compoñente da orquestra con dereito a reserva de posto de traballo. Os aspirantes a este posto deberán estar en posesión dun Título Superior de Música na especialidade de Violoncello. Os candidatos admitidos terán que pasar unhas audicións, nas que serán valorados por un xurado profesional.

Ademais, aprobouse unha convocatoria extraordinaria do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. As prazas que quedaron vacantes nas probas realizadas este mes ofertaranse nun novo proceso selectivo que terá lugar en setembro.

Por outro lado, na xuntanza comunicouse o estado do proceso selectivo do posto de director técnico da Real Filharmonía de Galicia.

Traslado da EMM e exposición conmemorativa do 25º aniversario do Consorcio
Na reunión informouse tamén dos avances técnicos e administrativos que se están a levar a cabo para trasladar a Escola Municipal de Música ao edificio da Escola de Altos Estudos Musicais. Finalmente, deuse conta da exposición que se está a organizar para conmemorar o 25º aniversario do Consorcio de Santiago e que terá dúas sedes, a Casa do Cabido e o Pazo de Fonseca.

Compartir: