CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este mércores un concerto no Paraninfo da Universidade

13/06/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa A Escola na Cidade, un ciclo de concertos de música de cámara interpretado polo alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, mañá mércores, 14 de xuño, ás 20:30 horas, os rapaces e rapazas ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará o violinista Juan Gomollón, que interpretará o Concerto para violín nº 5 de Mozart e o Concerto para violín en Re maior de Beethoven. De seguido, o trompista Mario Fuertes achegará ao público o Concerto para trompa nº 2 de Richard Strauss. Os dous músicos estarán acompañados pola pianista Simona Velikova.

A continuación, a violinista Garazi Echeandía tocará a Partita nº 2 para violín solo de Bach, o Concerto para violín nº 4 de Mozart e a Romanza para violín de Dvořák. Estará acompañada pola pianista Haruna Takebe.

Este ciclo de concertos continuará este xoves e o venres con novas actuacións no Paraninfo da USC, protagonizadas por alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.

Compartir: